A Xunta lidera un proxecto de desenvolvemento sostible na Eurorrexión que creará un Xeoportal para facer accesible toda a información territorial dispoñible

Luns 28 de Febreiro de 2011

A Xunta lidera un proxecto de desenvolvemento sostible na Eurorrexión que creará un Xeoportal para facer accesible toda a información territorial dispoñible

O Goberno galego conta co Eixo Atlántico do Noroeste peninsular como socio nesta iniciativa de cooperación transfronteriza

O proxecto, denominado Desourb, dispón dun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros, do que o 75% é financiado polo fondo estrutural FEDER

Entre os obxectivos desta aposta destaca a constitución dun Xeoportal onde está contida toda a información territorial dispoñible da Eurorrexión

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, lidera un proxecto de cooperación transfronteriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en asociación co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que ten como obxectivo definir un modelo para a planificación e xestión territorial da Eurorrexión.

Segundo explicou esta mañá o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, que presentou a iniciativa xunto co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, este proxecto, denominado Desourb, conta cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros, do que o 75% é financiado polo fondo estrutural FEDER.

Entre os obxectivos deste proxecto destaca a posta en marcha dun instrumento novo que porá a disposición dos interesados a información detallada de todo o territorio da Eurorrexión. Deste xeito, toda a información territorial susceptible de ser representada (estradas, entidades de poboación, usos do solo ou espazos protexidos por exemplo) estará contida nunha ferramenta, o Xeoportal, que permitirá mellorar a toma de decisións en materia de planificación territorial sostible. Esta información será accesible para os cidadáns a través da web da Xunta de Galicia.

“Os obxectivos e resultados previsibles do Desourb non son accidentais, senón que constitúen un paso máis no camiño das estratexias e liñas de actuacións postas en marcha”, indicou Borobio. Desta maneira, a Xunta de Galicia entende este proxecto como o medio e a oportunidade para facer máis real a proposta que xa se formulou coas Directrices de ordenación do territorio (DOT) e o Plan de ordenación do litoral (POL), a xestión dinámica da planificación e das actuacións territoriais. Esta xestión dinámica non é outra cousa que a monitorización do territorio ao longo do tempo, e dunha forma transparente e áxil, para poder avaliar se as propostas de planificación e estratexias postas para a sostibilidade territorial (DOT e POL), acadan os seus obxectivos. O acceso e a xestión da información, no seu senso máis global, será posible a través do Xeoportal e a súa xestión continua no tempo permitirá que os instrumentos de planificación e as actuacións sexan coherentes coa evolución da realidade ambiental, social e económica.

Entre as actividades programadas no marco deste proxecto de cooperación transfronteriza atópase tamén a creación dun laboratorio de ideas para a reflexión e xeración de coñecemento para a mellora da xestión territorial e o medio ambiente urbano na Eurorrexión e para o desenvolvemento do modelo de planificación territorial dos instrumentos de ordenación do territorio existentes, avaliando a súa contribución cara á sostibilidade. Ademais, está proxectada tamén a creación dun portal do coñecemento para a ampla difusión de todo o proxecto así como o incremento da sensibilización en materia de sustentabilidade para toda a sociedade.

O desenvolvemento sostible ten unha dimensión cultural importante , necesaria para a súa aceptación popular. A visión e identificación co propio territorio é un aspecto importante que dende a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe se lle está a dar apoio con proxectos educativos e de proximidade aos mozos, como aposta por un cambio de modelo a longo prazo, como: Climántica, que focaliza a educación sobre o cambio climático; Proxecto Terra, que acerca a arquitectura, e a identidade territorial; Axenda 21 escolar de Galicia, que promove a educación pola sostibilidade nos centros educativos; RECEP-ENELC: asociación de autoridades locais e rexionais promotoras da Convención Europea da Paisaxe.; CEIDA : o centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia.

Con todos eles, o presente proxecto DESOURB poderá desenvolver importantes sinerxias para comunicar á sociedade a importancia, non só de cuidar o territorio senón identificarse con el, para facer un uso o máis sostible posible.

Cooperación transfronteiriza
Este proxecto forma parte do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 da Unión Europea. O obxectivo principal deste Programa é promover o desenvolvemento destas zonas fronteirizas e permite aproveitar as redes de cooperación existentes desenvolvidas desde 1999, con execución de proxectos de infraestruturas materiais, ás que se foron incorporando progresivamente outros sectores como o turismo, servizos sociais, medio ambiente, innovación tecnolóxica, educación, sanidade ou cultura.