A Xunta investirá máis de 41 millóns de euros na renovación tecnolóxica das infraestruturas sanitarias

Xoves 14 de Outubro de 2010

A Xunta investirá máis de 41 millóns de euros na renovación tecnolóxica das infraestruturas sanitarias

Farjas destaca a importancia crecente da tecnoloxía no sector sanitario, tanto dende o punto de vista asistencial como dende o do seu impacto económico

Sanidade traballa para que os profesionais dispoñan dos mellores instrumentos para ofrecer unha prestación próxima e de calidade, no menor tempo posible

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que o departamento que dirixe vai investir máis de 41 millóns de euros para modernizar o sistema sanitario, as súas infraestruturas e a alta tecnoloxía, un obxectivo recollido na Estratexia Sergas 2014.

Así, Farjas avanzou que se adquirirán 7 TACs, 6 resonancias, 8 mamógrafos, 4 PET-TAC, 3 Ganmacámaras-TAC, 40 equipos de radioloxía dixital, 5 equipos de hemodinámica, 6 de vascular e 8 aceleradores para radioterapia. Neste investimento tamén se inclúe a dotación de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear do Hospital Lucus Augusti.

A conselleira explicou que os avances tecnolóxicos e de coñecemento prodúcense a un ritmo moi elevado, o que conduce a unha asimetría de información e coñecemento, así como da xestión das instalacións. Por iso, dende a Xunta apostouse por empregar unha nova fórmula de contratación, o diálogo competitivo. Desta forma a Administración pode acceder ás solucións máis axustadas ás necesidades, e, ao mesmo tempo, garantir a dispoñibilidade dos equipos coa que non conta na actualidade.

Esta modalidade, contemplada na Lei de contratos do sector público, é utilizada sobre todo para adquirir tecnoloxía nos ámbitos de imaxe, radioterapia e intervencionismo. Nela as empresas expertas expoñen as súas propostas, permitindo á Administración adquirir un maior coñecemento para seleccionar a mellor opción. Desta forma pódese acceder ás solucións máis idóneas segundo a demanda presente e a futura.

Esta fórmula inclúe tanto os importes de adquisición como os correspondentes ao mantemento dos equipos, unha vez rematada a súa garantía. A conselleira explicou que o pasado día 27 de setembro xa se celebrou a mesa especial de contratación para este procedemento, e que a duración total do contrato, incluído o mantemento, é de oito anos.

Garantir a viabilidade do sistema
“Como temos afirmado moitas veces, pensamos que a mellor defensa do sistema sanitario é garantir a súa viabilidade futura, a súa sostenibilidade. E nós defendemos que o rigor na xestión é un instrumento necesario para conseguilo –declarou Pilar Farjas-. Por iso recorremos a aquelas fórmulas que fan posibles os investimentos precisos e que achegan elementos de xestión eficiente, como son o socio tecnolóxico e o diálogo competitivo.”

A conselleira destacou a importancia crecente da tecnoloxía no sector sanitario, tanto dende o punto de vista asistencial como dende o do seu impacto económico nos orzamentos do Servizo Galego de Saúde e no custe sanitario. “En definitiva, queremos cumprir co compromiso de modernizar o sistema sanitario, e que os profesionais dispoñan dos mellores instrumentos para facer posible unha prestación próxima e de calidade, no menor tempo posible”, sinalou.

Contexto actual
Neste sentido, lamentou que en Galicia as instalacións de alta tecnoloxía presentan un elevado grado de obsolescencia, e importantes deficiencias na explotación, actualización de instalacións e mantemento dos equipos. Indicou que hai un ano o Hospital Lucus Augusti era só un edificio sen rematar, baleiro, sen cociña, sen gardería, sen aparcadoiro e sen dotación nin equipamento; e que non existía ningún orzamento para adquirilo.

Así mesmo, lembrou o contexto actual de grave crise económica, de diminución de ingresos públicos, “que dificulta a realización de investimentos, sexan do tipo que sexan, polo que é necesario buscar fórmulas que permitan independizar as infraestruturas do ciclo económico, e poder garantir así a súa dispoñibilidade.”

Polo tanto, a conselleira avogou por buscar sinerxías para seguir avanzando e por utilizar fórmulas de xestión que permitan a máxima eficiencia, co obxectivo de garantir a prestación de servizos de calidade, universais e gratuítos, e a sostenibilidade do sistema sanitario público de Galicia.