A Xunta investirá máis de 1 millón de euros ata 2014 para facilitar o acceso a internet vía satélite á poboación das zonas con máis dificultades de cobertura

Mércores 04 de Xullo de 2012

A Xunta investirá máis de 1 millón de euros ata 2014 para facilitar o acceso a internet vía satélite á poboación das zonas con máis dificultades de cobertura

Beneficiaranse destas axudas arredor de 2.100 familias e empresas, que non dispoñan de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía

Sufragaranse con ata 500 euros os gastos de instalación e equipamento do usuario para poder conectarse á rede a través de satélite

Estas axudas, publicadas hoxe no DOG, serán xestionadas polos operadores de telecomunicación previamente acreditados pola Xunta e que desde mañá teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes

O Goberno galego investirá 1 millón de euros ata 2014 para facilitar o acceso a internet vía satélite aos galegos que non poden dispoñer deste servizo a través doutras tecnoloxías. Así se recolle nunha resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia coa que se pon en marcha a última actuación prevista no Plan de Banda Larga da Xunta.

Esta medida é posible grazas ao convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achegará o importe de 1.077.000 millóns de euros no período 2012- 2014.

Beneficiarios e importe das axudas

Con este investimento facilitarase a conexión a internet a máis de 2.100 familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Este programa de axudas establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación e o custo do equipamento de usuario, cunha contía máxima de 500 euros e condicionado á permanencia no servizo durante un ano. O usuario deberá contratar un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2Mbps de velocidade de baixada. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

Entidades colaboradoras

As axudas tramitaranse a través das empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta. Estas empresas teñen de prazo un mes desde mañá para presentar as súas solicitudes. Deste xeito esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar este sector composto principalmente por pequenas e medianas empresas.

Con estas axudas a Administración autonómica busca avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade.

O Plan reduciu en máis da metade os galegos sen cobertura na Comunidade

A cobertura de internet vía satélite é a sexta e última liña do Plan de Banda Larga da Xunta e está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite. Coa posta en marcha desta actuación o Goberno galego cumpre co seu compromiso de ter en marcha todas as medidas do Plan en 2012.

Dous anos despois da súa posta en marcha o Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet a preto de 475.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009. As actuacións desenvolvidas no Plan está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2010 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10%, e grazas ao plan en 2011 esta porcentaxe diminuíu ata un 5,5%.