A Xunta investirá case 200 millóns de euros en 2011 para pasar do 70% de galegos con acceso á banda larga en 2009 ao 83%

Xoves 07 de Abril de 2011

A Xunta investirá case 200 millóns de euros en 2011 para pasar do 70% de galegos con acceso á banda larga en 2009 ao 83%

A aplicación, este ano, da Axenda Dixital 2014.gal permitirá reducir ao 7% a fenda dixital entre as provincias do eixo atlántico a as do interior

Feijóo destaca que o incremento de fogares con conexión a banda larga en Galicia foi dúas veces superior á media do resto de España e tres veces superior á media do resto de Europa

Recorda outros obxectivos da folla de ruta tecnolóxica da Xunta para o ano 2011 como que o 50% das facturas emitidas sexan electrónicas ou que máis de 31.500 alumnos poidan estudar as súas asignaturas cun ordenador e contidos informáticos

Salienta que en 2010 a nova política do Goberno galego de contratación centralizada permitiu aforrar un promedio do 37% e reducir preto de 4.500 o número de licenzas ofimáticas grazas ao uso do software libre

Adianta que a construción do Centro de Proceso de Datos de Galicia na Cidade da Cultura permitirá un aforro de 3 millóns de euros anuais

Afirma que, neste momento, o 92% dos centros de saúde están informatizados e o 98% dos galegos teñen acceso á receita electrónica

“É evidente que esta Axenda Dixital 2014.gal é o proxecto máis ambicioso desde o punto de vista tecnolóxico que se fixo desde un Goberno da Xunta de Galicia e que afecta a todas as áreas da Administración pública”, di o presidente galego

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que a Xunta investirá 196 millóns de euros en 2011 co obxectivo de pasar do 70% de galegos con acceso á banda larga que había no ano 2009 ao 83% da poboación. Así o explicou o titular do Goberno galego tras a reunión semanal do Consello da Xunta, na que se autorizou este investimento co que se continuará coa aplicación da Axenda Dixital 2014.gal. “A pesar das restricións orzamentarias estamos apostando polas novas tecnoloxías por ser, na nosa opinión, unha prioridade para preparar unha Galicia máis competitiva desde o punto de vista económico e social”, subliñou.

O presidente da Xunta remarcou que xa en 2010 o Goberno galego conseguiu reducir nun terzo a poboación sen cobertura a internet cun investimento de 255 millóns de euros: “o que supón un salto exponencial en tal só dous anos”. “Este ano a poboación con acceso á banda larga de Galicia chegará ao 83,60% partindo do 70% que tíñamos no ano 2009. Mentres que a fenda entre provincias do interior e da costa reducirase ao 7%”, afondou.

Feijóo salientou que, con estes datos, o Goberno galego está a reducir a fenda dixital que separa Galicia de España e Europa. Así, explicou que o incremento de fogares con conexión a banda larga en Galicia foi dúas veces superior á media do resto de España e tres veces superior á media do resto de Europa. “No ano 2010 o incremento de fogares con conexión a banda larga foi do 21,4% fronte ao 11% da media española e ao 8,9% da europea”, afondou. “É evidente que Europa ten máis cobertura que nós pero estamos intentando converxer con Europa e con España a unha velocidade dúas veces superior”.

Obxectivos para o ano 2011

Feijóo relatou outros obxectivos da aplicación da Axenda Dixital durante este ano 2011. Así, explicou que na Administración electrónica, a porcentaxe de facturas electrónicas que tramitará a Xunta chegará ao 50% do total mentres que o 40% dos procedementos afectados pola Directiva de Servizos poderán tramitarse de forma telemática.

Na Xustiza, o 40% das salas de vistas dos xulgados galegos estarán dotadas de sistemas de gravación con sinatura dixital para que, ao finalizar o xuízo, as partes poidan ter acceso ao contido da vista. Mentres, no eido educativo 31.500 alumnos estudarán cun ordenador e con contidos informáticos as súas asignaturas.

Resultados da Axenda Dixital en 2010

O presidente galego salientou, na súa intervención, outros resultados da aplicación da Axenda Dixital no ano 2010. En relación ás zonas rurais e urbanas, explicou que a diferenza media de disponibilidade de banda larga entre as provincias do interior e do eixo atlántico pasou do 20% ao 10% en 2010 “e pretendemos que sexa do 7% en 2011”. Incrementouse, ademais, un 35% a poboación con acceso a banda larga nos núcleos de poboación de menos de 100 habitantes e nun 23% nos núcleos de poboación de 100 a 1000 habitantes.

No que se refire á Administración autonómica, o presidente galego destacou que a Xunta pagou en 2010 no entorno dos 30 días as súas facturas, mentres que o portal electrónico de facturación foi usado por 1.400 empresas e se pagaron 11.300 facturas electrónicas dun total de 56.000.

O presidente da Xunta explicou que a nova política de centralización na compra de infraestrutura tecnolóxica e software permitiu aforrar un promedio do 37% e reducir preto de 4.500 o número de licenzas ofimáticas grazas ao uso do software libre. Feijóo referiuse á construción do Centro de Proceso de Datos na Cidade da Cultura destacando que suporá un aforro en alugueiros e de consumo de enerxía de 3 millóns de euros ao ano, cos que se financiarán a totalidade da obra.

Avances en sanidade, educación e economía do coñecemento

Feijóo destacou os avances nos eidos sanitario, educativo e da economía do coñecemento que supuxeron para Galicia a aplicación da Axenda Dixital durante o ano pasado e salientou que a informatización dos centros de saúde supuxo a redución de 1,5 millóns de consultas con médicos de atención primaria, un 15% menos. “Iso foi grazas a pasar de 176 a 443 centros de saúde informatizados”, explicou o presidente galego quen relatou que, neste momento, Galicia ten o 92% dos seus centros de saúde informatizados e o 98% dos cidadáns teñen acceso a través da súa tarxeta sanitaria á receita electrónica. “Neste momento estamos chegando ao 100% do persoal médico que ten acceso ao historia electrónico e ao 95% á imaxe dixital. Iso supón un aforro en placas radiolóxicas de 2 millóns de euros ao ano, tan só con esa decisión”, engadiu.

En educación, a Xunta dixitalizou 682 aulas con 14.500 alumnos beneficiados, “e en 2011 imos intentar superar os 31.500”, adiantou. No ámbito da xustiza, o titular da Xunta destacou o inicio da aplicación do Plan Senda con 34 millóns de euros investidos, cos que a finais de 2010 64 órganos xudiciais tiñan acceso a notificacións telemáticas, o dobre que en 2009.

Por último, no ámbito do impulso a economía do coñecemento, Feijóo explicou que o Goberno galego está a mobilizar un capital privado de mais de 40 millóns de euros e que 350 proxectos tecnolóxicos se están desenvolvendo na comunidade autónoma.

“É evidente que esta Axenda Dixital 2014.gal é o proxecto máis ambicioso desde o punto de vista tecnolóxico que se fixo desde un Goberno da Xunta de Galicia e que afecta a todas as áreas da Administración pública”, concluíu o presidente galego.