A Xunta investirá 353 millóns ata 2016 nun proxecto tecnolóxico destinado a consolidar a Axenda Dixital, avanzar cara a unha Administración máis eficiente e impulsar o uso das TIC para mellorar a competitividade dos emprendedores

Mércores 27 de Marzo de 2013

A Xunta investirá 353 millóns ata 2016 nun proxecto tecnolóxico destinado a consolidar a Axenda Dixital, avanzar cara a unha Administración máis eficiente e impulsar o uso das TIC para mellorar a competitividade dos emprendedores

Anuncia o desenvolvemento dun plan tecnolóxico dos servizos sociais para o establecemento do “expediente social único” ante a Xunta

Resalta que a agrupación na Cidade da Cultura de todos os centros de proceso de datos da Xunta suporá uns aforros anuais de 3 millóns de euros

Salienta que se potenciarán os programas educativos en materia TIC, consolidando o Programa Abalar e as actividades de alfabetización da rede cEMIT ou co plan de voluntariado dixital

Avanza a posta en marcha de medidas para fomentar a xestión telemática nos sectores produtivos con especial incidencia no agrogandeiro, no transporte público e no turismo

Destaca un programa de infraestruturas que estenderá o Plan de Banda Larga, creará un servizo único integral de xestión de emerxencias e un proxecto de impulso do ‘fogar dixital’

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe a importancia da aprobación polo Consello da Xunta do contrato de xestión plurianual da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que suporá o investimento, entre 2013 e 2016, de 353 millóns de euros nun total de 169 actuacións. Trátase, resaltou, dun plan de xestión que ten por obxectivos “consolidar a Axenda Dixital 2014.gal, avanzar cara a unha Administración autonómica máis eficiente, e abordar as iniciativas tecnolóxicas para mellorar a competitividade dos sectores produtivos galegos”.

O titular da Xunta lembrou que o Executivo galego xa reuniu todos os departamentos tecnolóxicos da Administración autonómica baixo a dirección única da Amtega, “un órgano que aglutina todos os recursos humanos e materiais de todas as áreas TIC da Xunta de Galicia”, e que, engadiu, agora “está afondando na transparencia cun plan de actuación con indicadores, con obxectivos e dando conta aos cidadáns de cómo se van cumprindo”.

Na súa comparecencia ante os medios, Alberto Núñez Feijóo explicou que o contrato de xestión da Amtega ordena en torno a sete eixes as súas 169 iniciativas, que “teñen soporte neses 353 millóns de euros”.

Así, referiuse en primeiro lugar ás medidas destinadas a incrementar os servizos públicos dixitais, pensando “nos cidadáns e nas empresas”. Aglutínanse aquí as medidas encamiñadas a continuar coa incorporación do sector TIC á xustiza co Plan Senda, ou un novo plan de modernización tecnolóxica dos servizos sociais, que, segundo dixo o presidente galego, “ten como obxectivo conseguir un expediente social único, de tal xeito que todas as persoas que utilizan os servizos sociais teñan un único expediente na Xunta de Galicia”.

Como segundo eixe, Feijóo sinalou a consecución dunha Administración pública máis eficiente “a través dun uso axeitado das tecnoloxías de comunicación”. Nese marco, destacou o proxecto de consolidación do Centro Integral de Proceso de Datos da Cidade da Cultura, que “suporá uns aforros de 3 millóns de euros anuais unha vez que os 80 centros de procesos de datos se sitúen nun dos edificios que está ocupado ao 100% polo centro tecnolóxico de Galicia, o corazón dixital de Galicia, a Amtega”. Na mesma liña salientou as medidas orientadas á centralización de compras, procesos e de servizos TIC e á homoxeneización das plataformas tecnolóxicas.

Reforzamento dos programas de educación dixital
En terceira orde, o xefe do Executivo galego situou os programas educativos. Avanzou que a ese obxectivo se orienta a consolidación do Programa Abalar, do que xa se benefician actualmente 40.000 rapaces, ou as actividades de alfabetización que se desenvolven a través da Rede cEMIT, “con 100 aulas instaladas en 100 concellos de Galicia para que a poboación de mediana idade e de maior idade poida iniciar os seus contactos co mundo dixital”. Así mesmo, remarcou a previsión de desenvolvemento do programa de voluntariado dixital, con máis de 200 voluntarios, o impulso de software libre na Xunta e un programa de competencias dixitais para empregados públicos.

Como cuarto eixe estratéxico, o presidente da Xunta situou o uso impulso das tecnoloxías da información e da comunicación como ferramenta para o crecemento da economía galega. E, nese marco, anunciou medidas destinadas ao apoio á innovación TIC nas empresas e a creación dun sistema público de compra de tecnoloxía innovadora.

En quinto lugar, salientou a busca do apoio aos sectores produtivos, a través do Centro Demostrador TIC e da posta en marcha “dun plan de demanda anticipada tecnolóxico-industrial para os sectores estratéxicos de Galicia”. Entre as actuacións dirixidas ás industrias galegas referiuse ao fomento da xestión telemática no sector agrogandeiro, no transporte público e no turismo a través dos seus correspondentes plans específicos.”Van a ser novas aplicacións para buscar maior eficiencia, maiores vendas e abaratamento de custos”, resaltou.

A consolidación da rede de infraestruturas de telecomunicación é o sexto eixe estratéxico do plan, ao respecto do cal Feijóo referiuse á extensión do Plan de Banda Larga, apuntando que esa ferramenta fixo posible que “hoxe, xa o 92% dos cidadáns ten acceso a internet na Comunidade Autónoma”. Engadiu que isto se completará con outras actuacións, como a construción dun servizo integral de comunicación de emerxencias en Galicia, “unha rede única titularidade da Comunidade Autónoma” e un programa de impulso para a creación do “fogar dixital”.

Finalmente, o presidente galego situou en sétimo lugar o obxectivo de consolidación do seu modelo de xestión das políticas tecnolóxicas. Nese sentido, salientou que “a Xunta xa integrou os recursos humanos e materiais das áreas TIC de seis consellerías e seguiremos ampliando o obxectivo da Amtega”.