A Xunta investirá 34 millóns de euros no primeiro Plan de implantación das novas tecnoloxías no ámbito da Xustiza
Feijóo destaca que este plan, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, supón un “paso adiante” na modernización “real” da xustiza, con “actuacións concretas e un orzamento concreto”
Salienta que o obxectivo do Goberno galego é rematar a lexislatura cunha xustiza informatizada que resolva os problemas dos cidadáns e axude na saída da crise
Explica que a Xunta busca unha xustiza “máis áxil, máis próxima e máis segura”
Destaca o Plan de infraestruturas xudiciais, cun investimento de 97 millóns de euros, o pago da débeda aos avogados da quenda de oficio, e a aposta pola implantación da oficina xudicial como exemplos da acción da Xunta en materia de xustiza
Lembra que o Plan estratéxico recolle o compromiso de apostar pola economía do coñecemento
A Xunta investirá 34 millóns de euros no primeiro plan de implantación das novas tecnoloxías no ámbito da xustiza en Galicia. Así o anunciou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión semanal do Consello da Xunta na que se autorizou a posta en marcha do Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Administración de Xustiza en Galicia: Plan Senda 2014.
Feijóo destacou que a Xunta aproba, con este plan, un programa de “actuacións concretas, cun presuposto concreto” que foron deseñadas co asesoramento de 80 profesionais da xustiza na comunidade autónoma. “Damos un paso adiante nese compromiso de modernización da xustiza, pero de modernización real; e real significa diñeiro, significa esforzo orzamentario e significa unha aposta pola tecnoloxía”, resumiu.
Así, o presidente galego salientou que se trata dunha aposta “sen precedentes” que se produce ademais en tempos de crise. “O obxectivo deste Goberno é acabar a lexislatura cunha xustiza informatizada, con mellores infraestruturas xudiciais, e cunha xustiza máis eficaz que resolva os problemas dos cidadáns, que axude a recuperación da crise económica, e que non eternice os procesos xudiciais cos riscos que isto supón para os dereitos das persoas e a economía das empresas”, destacou.
O presidente da Xunta explicou que o seu Goberno busca unha xustiza “máis áxil, máis próxima e máis segura”, ademais dunha maior austeridade. “Investir as veces é aforrar e, neste caso, o investimento en tecnoloxía é aforrar en recursos materiais e humanos”, explicou. “Buscamos una xustiza máis próxima xa que este plan inclúe, por exemplo, a implantación de alertas a través de mensaxes de móbil para recordar as vistas ou os cambios de data; unha mellora na coordinación entre os distintos axentes do proceso xudicial co intercambio de información entre os xulgados e os avogados con casos neses xulgados; maior seguridade coa adecuación á normativa en materia de protección de datos; e unha maior formación porque inclúe actualizar os coñecementos técnicos dos profesionais da xustiza”, relatou.
Actuacións de mellora da xustiza
O presidente galego destacou as actuacións da Xunta na mellora da xustiza en Galicia e lembrou que o Plan de infraestruturas xudiciais, cun orzamento de 97 millóns de euros, está actualmente en execución. “Trátase de dotar ás localidades galegas de edificios mínimos para albergar as necesidades de recursos físicos que a xustiza necesita”, resumiu.
Feijóo salientou, como a segunda intervención da Xunta neste eido, a “posta ao día” da xustiza gratuíta. “Pagamos o que debíamos aos letrados da quenda de oficio e seguimos pagando ao día a débeda que nos atopamos”, lembrou. “E estamos comprometidos, en terceiro lugar, a traballar no impulso da nova oficina xudicial, agora de forma parella coa informatización de todos os xulgados galegos”, engadiu.
Aposta polas novas tecnoloxías
Feijóo explicou que este investimento en novas tecnoloxías no eido da xustiza está recollido no Plan estratéxico do Goberno galego, que destaca a aposta pola economía do coñecemento. “Temos o compromiso de investir 260 millóns de euros nas novas tecnoloxías e levamos aprobadas no Consello da Xunta distintas actuacións concretas dentro deste obxectivo xeral de lexislatura”, explicou.
Así, o titular do Goberno galego destacou os 26 millóns de euros do plan de modernización da propia Administración autonómica, o investimento de 9 millóns de euros para coordinar os investimentos dos concellos, deputacións e Xunta, e 102 millóns para conectar toda Galicia a través das infraestruturas tecnolóxicas, é dicir, para levar internet de banda larga aos concellos galegos.