A Xunta inicia a licitación da plataforma tecnolóxica para a xestión do transporte público de viaxeiros a través da modalidade de diálogo competitivo
Este procedemento permitirá adoptar solucións innovadoras á medida do sector, implicándoo en todas as fases do deseño da solución, coa coordinación da Administración.
O Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade estará operativo no segundo semestre de 2015 e permitirá unha mellor xestión da flota e unha eficiente atención aos viaxeiros.
A incorporación deste sistema é unha das obrigas establecidas no Plan de Modernización da concesión de transporte público para toda a flota de transporte regular de persoas.
A Xunta comprometeuse a implantar o sistema no Transporte Metropolitano, onde fará posible que os usuarios accedan directamente e en tempo real á información sobre horarios a través de múltiples soportes
A Xunta vén de publicar a licitación, a través da modalidade de diálogo competitivo, do Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade (SAE) para o transporte de viaxeiros por estrada. Este procedemento permitirá deseñar un sistema á medida do sector, que poderá definir as súas necesidades, os seus retos presentes e futuros e a súa visión do negocio co soporte e a coordinación da Administración autonómica, a través dunha modalidade de contratación innovadora, que permitirá, a través do dialogo cos licitadores, dotar ao sistema das últimas innovacións ofrecidas polo mercado.
Esta plataforma tecnolóxica para a xestión do transporte público de viaxeiros por estrada, entrará en funcionamento no segundo semestre de 2015 e permitirá avanzar cara un sistema de mobilidade máis limpo, seguro e eficiente a través da mellora na xestión e control da flota grazas á tecnoloxía.
O SAE da Mobilidade de Galicia licítase por un importe de 2.260.000 euros e suporá un investimento conxunto da Administración e as empresas do transporte de viaxeiros por estrada de 3.700.000 euros ata o 2019.
A incorporación deste sistema é unha das obrigas establecidas no Plan de Modernización das concesión de transporte público para toda a flota de transporte regular de persoas que dá servizo anualmente a 25 millóns de usuarios, a través de máis de 1.000 autobuses.
Contratación global
O desenvolvemento do Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade estase a realizar nun marco de colaboración entre sector do transporte e Administración autonómica e ao que se adheriron 51 empresas, o 40% da flota galega, que disporán deste servizo sen necesidade de dotarse dun SAE local propio.
As empresas adheridas poderán concorrer a unha contratación global do servizo xunto coa Xunta de Galicia, o que garantirá tanto unha mellora no produto ofertado como no seu prezo para todos os participantes, que ademais, evitarán asumir a complexidade tecnolóxica da iniciativa. É a primeira ocasión na que a Xunta de Galicia utiliza este procedemento de contratación.
O custe por vehículo para a dotación do equipamento tecnolóxico e a súa conexión permanente co Centro Operativo da Mobilidade de Galicia será de menos de 70 euros ao mes para as empresas adheridas á iniciativa.
As vantaxes do SAE para o transporte
Esta ferramenta de xestión, que permitirá ás empresas concesionarias a localización e posicionamento, trasladará información en tempo real ao Centro Operativo da Mobilidade de Galicia. Ademais, o sistema posibilitará a comunicación bi-direccional entre o bus e o centro de control, unha mellor vixilancia e seguimento dos vehículos, o control da calidade na condución, así como a xestión de incidencias e optimización da explotación do servizo, xa que as empresas poderán planificar en base a información recollida sobre quilómetros percorridos, o desfase da ruta e do tempo establecido, o número de viaxeiros, os parámetros de funcionamento dos vehículos, ...
Vantaxes para os cidadáns
A implantación do Sistema de Axuda á Explotación permitirá que calquera cidadán poida acceder a través de ferramentas web, e dispositivos móbiles, a información en tempo real sobre os autobuses pasarán pola súa parada, mellorando o servizo aos cidadáns.
Igualmente, ao facilitar un control automatizado do cumprimento da oferta de servizos, mellorará sensiblemente a fiabilidade dos propios servizos e, por tanto, a súa calidade. Ademais, o cidadán poderá planificar as súas viaxes en transporte público previamente ou, incluso, sobre a marcha, dispoñendo de ferramentas para a busca das mellores combinacións de viaxe.
Aplicacións ao Transporte Metropolitano
O sistema, denominado SAE, resulta especialmente atractivo para a prestación dos servizos nas áreas nas que estea implantado o Transporte Metropolitano, nas que a Xunta de Galicia se comprometeu cos concellos implicados a desenvolver unha tecnoloxía que lles permitise a actualización e a edición da información dos horarios dos servizos.
Co SAE non só se cumprirá este compromiso senón que, indo máis alá deste compromiso, poderá ser o propio usuario quen acceda directamente e en tempo real a da información actualizada sobre os servizos, a través de múltiples canles (móbil, internet, pda, pantallas de información,...). Deste xeito permitirase aos usuarios un coñecemento en tempo real dos horarios, e se lles facilitará a planificación das viaxes metropolitanas e as opcións de conexión.