A Xunta inicia a elaboración dunha Axenda Dixital Local co Norte de Portugal que favorecerá ao desenvolvemento dos concellos na sociedade da información
Será a través dun proxecto europeo de cooperación transfronteiriza que conta con máis de 1,1 millóns de euros de orzamento, cofinanciados ao 75% con fondos FEDER
Tamén participan a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDNR) e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular
O proxecto durará ata finais do ano que vén e pretende, entre outros obxectivos, crear unha rede de Municipios Dixitais da Eurorrexión e un banco de recursos tecnolóxicos para a prestación de e-servizos
O director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, e o secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, presentaron esta mañá o proxecto europeo “Axenda Dixital Local da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal”, que favorecerá ao desenvolvemento dos concellos na sociedade da información. O proxecto conta cun orzamento de máis de 1,1 millóns de euros, dos cales o 75% os achega o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Esta iniciativa encadrase no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) e ten como beneficiaria principal á Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Administración Local e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Ademais, tamén participan a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDNR) e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.
Os obxectivos do proxecto son deseñar unha Axenda Dixital Local (ADL) da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal, mediante un modelo sistémico de implantación da sociedade da información, que sexa participativo e adaptable ás peculiaridades das distintas áreas urbanas. Para elo, realizaranse accións de sensibilización a responsables políticos e técnicos a nivel municipal e elaborarase a ADL a partir dun estudo de situación da sociedade da información nos municipios, a consulta con expertos e a concertación coas entidades.
O proxecto, que iniciouse hoxe cunha reunión de traballo entre as entidades colaboradoras, rematará o 31 de decembro de 2012. Entre os seus obxectivos pretende crear unha rede de Municipios Dixitais da Eurorrexión, dinamizadora do uso e implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nas cidades desta rexión e prestar asesoramento tecnolóxico aos gobernos locais. Ademais, creará o “BANCO.TIC”, un banco de recursos tecnolóxicos para a prestación de e-servizos, que ofrecerá información das boas prácticas locais, recursos dispoñibles e empresas que traballan con éxito nas administracións públicas, entre outras.
A Axenda Dixital Local da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal, é unha iniciativa que se pon en marcha polo compromiso político das autoridades locais, que concienciadas do importante papel que deben xogar no desenvolvemento das sociedade, recolleron no II Cumio Mundial de Cidades e Autoridades Locais sobre a Sociedade da Información a vontade de avanzar cara unha sociedade da información para todas as persoas mediante a difusión e implementación en todas as cidades e concellos da Axenda Dixital Local (Declaración de Bilbao, novembro de 2005).