A Xunta informa aos empresarios de Lugo sobre os servizos do programa ReAcciona TIC para mellorar a competitividade
O Igape e a Amtega organizan a xornada técnica que se desenvolverá o próximo mércores, día 23, no Cei Nodus, para detallar as vantaxes dos servizos deste programa para facer fronte aos retos da transformación dixital e a Industria 4.0
O ReAcciona TIC está deseñado para facilitarlles ás empresas beneficiarias a adquisición de competencias e a incorporación de tecnoloxías que lles permitan incrementar a súa competitividade
Actualmente está aberto, a través da web do Igape, o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da primeira convocatoria, que irá seguida doutras tres en decembro deste ano e en xaneiro e marzo de 2017
As pemes galegas poderán acceder a servizos de asistencia, diagnose e soporte na implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión, márketing dixital, automatización ou sustentabilidade
Informar polo miúdo ás pemes galegas sobre as oportunidades e os retos relacionados coa transformación dixital e a Industria 4.0 é o obxectivo da xornada técnica que se desenvolverá o próximo mércores, 23 de novembro, no Cei Nodus de Lugo sobre o programa ReAcciona TIC, que vén de ser activado para facilitarlles ás empresas beneficiarias a adquisición de competencias e a incorporación de tecnoloxías que lles permitan incrementar a súa competitividade.
A xornada informativa sobre os servizos ReAcciona TIC, organizada conxuntamente polo Igape e Amtega, desenvolverase a partir das 19 horas, e incluirá relatorios técnicos sobre os servizos habilitados pola Xunta para o fomento da economía dixital nas pemes, así como exemplos de prácticas de éxito de empresas ourensás que xa destacan pola aplicación de solucións dixitais ou da Industria 4.0.
As bases reguladoras das axudas para desenvolver o catálogo de servizos para facilitar o impulso da empresa dixital e da incorporación de solucións propias da Industria 4.0 nas pemes galegas –obxecto do programa denominado ReAcciona TIC– publicáronse no DOG o pasado 26 de outubro. Desde o 31 de outubro, e durante un mes, está aberta a primeira convocatoria do programa, que irá seguida doutras en decembro de este ano e en xaneiro e marzo de 2017 para facilitar servizos de modernización e innovación para incrementar a competitividade e a produtividade nas pemes. As solicitudes presentaranse de forma telemática na web do Igape.
Industria 4.0
Para o impulso da Industria 4.0, e no marco do desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, o catálogo contempla servizos para establecer novas fórmulas de produción e impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Así, as pemes poderán acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade.
Empresa dixital
No eido da empresa dixital, o programa ReAcciona TIC facilitará a prestación de servizos avanzados orientados a promover a dixitalización empresarial, comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa. As pemes beneficiarias poderán acceder igualmente a servizos de soporte para a implantación de solucións de mobilidade que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores; para a incorporación de solucións TIC orientadas á mellora da xestión empresarial; e para a implantación de solucións de márketing dixital que permitan optimizar a presenza da empresa en internet.
Convenio Amtega-Igape
A Xunta suma esforzos e recursos para impulsar, no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Amtega e o Igape, a modernización e a innovación tecnolóxica do tecido empresarial de Galicia a través da convocatoria servizos avanzados para o impulso á empresa dixital e á Industria 4.0 que se explicarán polo miúdo na xornada técnica que se desenvolverá o próximo mércores, día 23, en Lugo.
O ReAcciona TIC reforza a aposta da Xunta pola incorporación das solucións 4.0 e das TIC en xeral nos sectores produtivos da comunidade, contando cun orzamento público conxunto de máis de 2,3 millóns de euros ata o ano 2017. O catálogo de servizos do ReAcciona TIC está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.
Esta actuación enmárcase no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, liderada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade; e converxe igualmente co establecido na Axenda Dixital de Galicia 2020, liderada pola Amtega, que fixa como obxectivo a aceleración da economía dixital como un factor de relevancia para impulsar o crecemento económico na comunidade autónoma.