A Xunta incide na necesidade de superar a actual fenda dixital de xénero e aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres

Xoves 24 de Abril de 2014

A Xunta incide na necesidade de superar a actual fenda dixital de xénero e aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá o acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’, organizado polo GESGA.

Tamén participou a directora da AMTEGA, Mar Pereira, que animou ás rapazas participantes a traballar nas TIC, un sector cunha ampla marxe de empregabilidade.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá o acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’, organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia e no que tamén participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o director do CESGA, Javier García Tobío.

Na súa intervención, López Abella afirmou que o crecemento intelixente necesita aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas mediante a súa incorporación crecente aos estudos e profesións relacionados coas TIC. Non obstante, recoñeceu que aínda existe unha importante fenda de xénero neste eido, un problema do que xa se fixo eco a Comisión Europea a finais do ano pasado.

Para salvar esta fenda de xénero, o ‘Informe sobre as Mulleres no sector TIC’ da Comisión Europea realiza unha serie de recomendacións dirixidas a actuación pública co obxectivo mellorar o acceso das mulleres ás carreiras e as profesións científico-tecnolóxicas.

Entre outras cuestións, avogase por construír unha imaxe renovada do sector que atraia as mulleres novas, dándolles referentes e divulgando a súa igual capacidade para este tipo de profesións; visibilizar as achegas das mulleres ao sector ou mellorar as condicións de traballo no sector, para facer máis compatible a vida laboral coa persoal e familiar.

Boa oportunidade laboral
Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, trasladoulles aos rapaces e rapazas participantes no encontro que traballar nas TIC representa unha boa oportunidade laboral. Neste sentido indicou que o último estudo sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática en Galicia, dos Colexios Profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica en Informática, indican a alta empregabilidade dos enxeñeiros, “con preto dun 92 por cento traballando e máis do 77 por cento con contrato indefinido. Ademais, o 50 por cento destes titulados atopou o seu primeiro traballo en menos dun mes e tres de cada catro voltarían a estudar a mesma carreira”.

A responsable da política tecnolóxica da Administración autonómica destacou que o tecnolóxico é un sector que crece con rapidez e ofrece un amplo abano de posibilidades. Pereira afirmou que a tecnoloxía “está a transformar o mundo no que vivimos, en todos os aspectos, no traballo, no ocio, na sanidade... a unha velocidade vertixinosa e de xeito imparable e todos eses procesos van requirir profesionais moi especializados”.

‘Girls in ICT Day’
O día internacional das “Rapazas nas TIC” (Girls in ICT Day) está promovido e coordenado pola Unión Internacional de Comunicacións, da que España é membro, para crear unha contorna global que promova e apoie ás rapazas para que consideren carreiras no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs). Este acto está dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia.

O CESGA, promove e coordina o Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!”, Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC”, (www.ictgogirls.eu) que se dirixe ás rapazas de primeiros anos de secundaria anos para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico cara lograr unha maior presenza feminina no eido das TIC. Neste proxecto participan institucións formativas de España (CESGA e USC), Alemaña, Austria, Poloña e Bélxica, así como 10 centros educativos europeos, con máis de 500 estudantes e profesorado participando nas experiencias pilotos.