A Xunta incide na necesaria modernización da administración pública coma base da estratexia 2020 da Unión Europea

Mércores 18 de Setembro de 2013

A Xunta incide na necesaria modernización da administración pública coma base da estratexia 2020 da Unión Europea

Alfonso Rueda destacou a necesidade de apostar pola modernización administrativa para impulsar o crecemento económico e garantir un uso racional de recursos

O vicepresidente da Xunta reuniuse co director de Crecemento Intelixente e Sostible do Sur de Europa da Comisión Europea, Raoul Prado

Posteriormente clausurou na sede da Fundación Galicia Europa o Seminario “A reforma do sector público na Estratexia Europa 2020”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu hoxe na necesaria modernización da administración pública coma base da Estratexia Europa 2020 da Unión Europea para acadar un crecemento intelixente, sostible e integrador.

Alfonso Rueda mantivo a primeiras horas da mañá unha xuntanza co director de Crecemento Intelixente e Sostible do Sur de Europa da Comisión Europea, Raoul Prado, coma responsable de fortalecer a cohesión económica, social e territorial das rexións e países da UE. Rueda e Prado coincidiron na necesidade de apostar pola modernización administrativa para impulsar o crecemento económico e garantir así un uso racional de recursos.

Rueda indicoulle que as rexións europeas, coma Galicia, consideradas “de transición” manterán o 60 por cento das axudas europeas no vindeiro período financeiro, o que supón ás arcas autonómicas máis de 2.000 millóns de euros que contribuirán a consolidar os investimentos postos xa en marcha e lograr unha converxencia real e irreversible co resto de Europa, permitindo manter a tensión impulsora que tiñan ata o de agora as políticas de cohesión.

Ademais, o vicepresidente incidiu que na nova política de cohesión, a Comisión Europea estableceu que todas as rexións europeas deben elaborar unha estratexia de especialización intelixente, o RIS3, coma condición para executar os Fondos Feder e Feader 2014-20, que neste novo período financeiro supoñen unha importante parte dos Fondos de Cohesión que vai recibir a nosa comunidade.

Rueda explicoulle a Raoul Prado que grazas a esta Estratexia de Especialización Intelixente levada xa a cabo pola nosa comunidade dende o ano pasado, racionalízanse os recursos e os fondos públicos e privados, acadando unha maior eficacia e eficiencia, focalízanse os esforzos baseándose na excelencia e na competitividade, planifícanse e articúlanse as políticas de innovación dos próximos anos, e se posibilita tamén o cambio do modelo produtivo para conseguir crecemento económico e postos de traballo sostibles e de calidade
Ademáis, o titular da Vicepresidencia pediulle ao responsable de Crecemento Intelixente e Sostible e do Sur de Europa da Comisión Europea que se incentive os concellos que cooperen e se fusionen entre sí, tal e como está a facer o Goberno galego desde o ano pasado.

Seminario Fundación Galicia Europa

Alfonso Rueda clausurou posteriormente o Seminario 'A reforma do sector público na Estratexia Europa 2020', que tivo lugar na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, onde participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, xunto ao xefe da Unidade de Europa 2020 de Competitividade e Innovación e secretariado xeral da Comisión Europea, Marcel Haag e a xefa da Unidade de Europa 2020 e políticas nacionais de competitividade da UE, Ruth Paserman.