A Xunta impulsará cunha lei pioneira o despregamento das telecomunicacións como un servizo de primeira magnitude Garantirá o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planifica

Martes 12 de Marzo de 2013

A Xunta impulsará cunha lei pioneira o despregamento das telecomunicacións como un servizo de primeira magnitude Garantirá o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planifica

Garantirá o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planificación, máis anticipación e en base a necesidades reais

Establece as pautas para evitar que se dupliquen os esforzos e os investimentos nas administracións públicas

Establecerá os criterios a seguir en materia de telecomunicacións nas ordenanzas municipais e nos planeamentos urbanísticos

Fomentará que os operadores compartan as infraestruturas e esixirá a preparación dos novos edificios públicos para albergar infraestruturas da telecomunicación

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Parlamento galego que o proxecto de lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia converte ás telecomunicacións nun servizo de primeira magnitude, garantindo o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planificación e máis anticipación.

Rueda cualificou esta lei de “pioneira” e plenamente conectada cos principais obxectivos establecidos na Axenda Dixital Europea, na Axenda Española recentemente aprobada e, por suposto, na galega, en vigor dende o ano 2010, instrumentos todos eles que avogan pola extensión global das redes de telecomunicacións e que describen un escenario de avances que é preciso xestionar.

O vicepresidente indicou que Galicia é a primeira Comunidade de España en apostar por unha iniciativa desta envergadura, unha lei que complementa á normativa estatal e coa que “evitaremos que se dupliquen esforzos e investimentos nas administracións públicas galegas e conseguiremos unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados”.

Por iso, sinalou, a lei obrigará aos operadores e as administracións públicas a remitir información sobre os plans de despregamento executados ou previstos. En base a esta información elaborarase o primeiro “Mapa de Infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”, que evitará a superposición de iniciativas aos operadores privados e concellos. Unha iniciativa, pioneira en España, na que se está xa a traballar e que permitirá establecer un plan de despregamento coordinado e en base a necesidades reais.

O mapa de infraestruturas permitirá desenvolver o futuro Plan de ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que establecerá os criterios a seguir nesta materia nas ordenanzas municipais. Así mesmo, obrigará á inclusión das infraestruturas de telecomunicacións nos planeamentos urbanísticos, convertendo aos servizos de nun servizo máis para todos os galegos, ao igual que o son a auga ou a luz.

O vicepresidente destacou tamén outras medidas chave desta lei como fomentar o uso compartido de infraestruturas por parte dos operadores para evitar a extensión desordenada destas e reducir o investimento necesario.

Vivendas, edificios públicos e redes viarias
Ademais, a lei garantirá que toda vivenda que se constrúa contará coas infraestruturas mínimas para a incorporación dos servizos do Fogar Dixital. Esta medida facilitará a introdución nos fogares galegos de novos servizos socio - sanitarios, unha mellor eficiencia enerxética, unha maior seguridade, servizos de teleasistencia, etc. o que levará consigo unha mellora na calidade de vida do cidadán e un achegamento aos servizos públicos. Do mesmo xeito que suporá un importante impulso ao sector tecnolóxico de Galicia (instaladores, fabricantes...).

No caso dos edificios públicos a norma contempla a previsión das infraestruturas necesarias para garantir o aproveitamento das TIC para a prestación de servizos públicos, reducindo o custo que suporía implantalas unha vez concluído o edificio.

En canto ás novas infraestruturas viarias, o conselleiro avanzou que xa está a exposición pública o decreto que establecerá que todas as novas estradas e vías de alta capacidade autonómicas incorporen as canalizacións precisas para instalar redes de telecomunicacións. O obxectivo é evitar o sobrecusto que supón instalar estas tecnoloxías unha vez rematado o trazado, actuando coordinadamente coa obra civil.

Establécese a obriga de que a futura Rede Dixital Única de Seguridade e Emerxencias da Xunta de Galicia sexa de uso obrigatorio por todos os organismos autonómicos que o precisen. Esta rede permitirá optimizar os custos fronte a situación actual.

Ademais, o proxecto de lei inclúe un mandato de información e formación permanente para a protección das persoas consumidoras e usuarias, con atención expresa ás persoas con discapacidade e a aquelas con necesidades sociais especiais.