A Xunta impulsa a dixitalización dos rexistros e fixa no ano 2016 o obxectivo de ir eliminando o papel na relación dos cidadáns coa administración
Sinala que o proceso estenderase aos rexistros xerais da Xunta en Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo este ano e ás 342 oficinas de rexistro da Administración local galega ao longo de 2016.
O obxectivo é que a dixitalización chegue ás 533 oficinas que integran o Sistema Único de Rexistro ao longo de 2016. Deste xeito, considerarase “Galicia, a efectos de rexistro, como unha única administración pública”.
Con este sistema, cada documento que entre nestas unidades será dixitalizado e compulsado electronicamente co fin de conformar o expediente administrativo dixital.
“Poñemos a disposición dos cidadáns un mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico”, indica o titular da Xunta.
Este servizo poderá solicitarse a partir de agosto no Rexistro Xeral da Xunta e irase implantando progresivamente no resto das oficinas do Rexistro.
“Permitirá, por tanto, avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas que teñan estas funcionalidades”.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor o impulso á dixitalización dos rexistros e fixou no ano 2016 o obxectivo de ir eliminando o papel na relación dos cidadáns coa Administración.
Como destacou o presidente galego, o impulso á dixitalización das oficinas de rexistro é un paso fundamental para conseguir unha tramitación 100% electrónica. Así, estase a pilotar actualmente no Rexistro Xeral, continuará estendéndose de xeito progresivo no último trimestre de 2015 aos rexistros xerais da Xunta en Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e aplicarase nas 342 oficinas de rexistro da Administración local galega ao longo de 2016.
O obxectivo é que a dixitalización chegue ás 533 oficinas que integran o Sistema Único de Rexistro ao longo de 2016. Deste xeito, considerarase “Galicia, a efectos de rexistro, como unha única administración pública”, sinalou Feijóo.
Segundo apuntou o titular do Goberno galego, unha vez completado o proceso, calquera documento que entre nestas unidades será dixitalizado e compulsado electronicamente co fin de conformar o expediente administrativo dixital, que se almacenará no Arquivo Dixital de Galicia.
É dicir, “farase realidade o obxectivo de ir eliminando o uso do papel nos rexistros autonómicos”, salientou Feijóo.
O novo servizo Chave 365
No eido da tecnoloxía, o presidente do Goberno galego tamén puxo en valor a entrada en funcionamento do servizo Chave 365, que simplificará a xestión telemática coa Administración. Esta iniciativa facilitará a accesibilidade dos servizos de rexistro público online co uso de claves concertadas para acceder á sede electrónica. Do mesmo xeito, dará resposta ás dificultades do uso de certificado electrónico e para evitar que as persoas que non están familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos.
Como especificou o presidente da Xunta, este servizo funciona identificando a sinatura electrónica. “Poñemos a disposición dos cidadáns un mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico”.
Como detallou o titular da Xunta, para empregar este sistema o usuario terá que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade nas oficinas de rexistro habilitadas ou ben a través da sede electrónica. Así mesmo, unha vez verificada a identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito, cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite telemático coa Administración.
Este servizo poderá solicitarse a partir de agosto no Rexistro Xeral da Xunta e irase implantando progresivamente no resto das oficinas do Rexistro.
A incorporación de Chave 365 “permitirá, por tanto, avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas que teñan estas funcionalidades”, engadiu o presidente da Xunta.