A Xunta impulsa a administración electrónica nas entidades locais a través da iniciativa eConcellos

Martes 06 de Xullo de 2010

A Xunta impulsa a administración electrónica nas entidades locais a través da iniciativa eConcellos

Cun orzamento de 9 millóns de euros as medidas recollidas en eConcellos permitirán aos municipios ofrecer un servizos dixitais de calidade aos cidadáns en igualdade de condicións

Para garantir este e outros obxectivos en materia de novas tecnoloxías a Xunta está a traballar na extensión da banda larga a toda Galicia para que no 2013 o 100% da poboación teña acceso a Internet

Estas medidas enmárcase nas liñas de actuación de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia global do Goberno galego en materia tecnolóxica

O 12% do investimento total de 2014.gal destinarase a accións con repercusión directa na modernización das entidades locais

A modernización das entidades locais pasa por camiñar cara a administración electrónica, un proceso que a Xunta de Galicia iniciou o pasado mes de maio coa aprobación da iniciativa eConcellos que busca simplificar e mellorar os circuítos de rexistro, modernizar a relación presencial coa cidadanía e facilitar o uso dos servizos telemáticos das administracións por parte dos cidadáns.

Así o destacou hoxe a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, durante a Xornada Novas estratexias e grao de desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais galegas, organizada polo Foro da Sociedade da Información do Club Financiero de Vigo. A responsable do departamento autonómico indicou que a inicitativa eConcellos, dotada con 9 millóns de euros, nace para sentar as bases dun desenvolvemento coordinado e sostible da eAdministración nas entidades locais.

2014.gal
A secretaria xeral sinalou que a modernización da Administración enmárcase nas liñas de actuación de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica da Xunta coa que, co pulo das novas tecnoloxías, busca converter Galicia nunha Comunidade cohesionada social e territorialmente, situada na senda da creación de emprego e crecemento económico sostible e na que se posibilite o traballo en rede, o acceso ao coñecemento, e a participación activa de todos os axentes implicados.

A Axenda Dixital de Galicia permitirá modernizar a Administración para facela máis eficiente e próxima á sociedade, facendo realidade unha verdadeira relación telemática cos cidadáns grazas a unha Xunta de Galicia aberta as 24 horas e os 365 días do ano

Cun orzamento que se eleva aos 935 millóns de euros, a execución da Axenda Dixital supón o maior investimento de fondos públicos da historia de Galicia para o desenvolvemento da sociedade da información. Máis do 12% deste investimento total estará destinado a accións con repercusión directa na modernización das entidades locais.

Mar Pereira lembrou a importancia clave das infraestruturas de telecomunicación neste proceso de integración real da Comunidade na sociedade da información, xa que sen acceso á banda larga non se poden prestar uns servizos dixitais de calidade.

Por iso, unha das primeiras medidas postas en marcha pola Secretaría Xeral de Modernización foi o Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013. O obxectivo é que en catro anos o 100% da poboación teña acceso á Internet de calidade. Un millón de galegos terán acceso ás redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps e o 96% das empresas, incluíndo todos os polígonos industriais, poderán acceder á banda larga de calidade.

Obxectivos 2010-2011 da iniciativa eConcellos
A secretaria xeral sinalou que a modernización dos concellos no ámbito tecnolóxico é un dos eixos fundamentais da aposta do Goberno galego no impulso da administración electrónica en Galicia, xa que pola súa proximidade á cidadanía as entidades locais o receptor das súas demandas e deben ser un importante prestador de servizos sociais.

Un dos primeiros pasos para modernizar a relación coa cidadanía previstos na iniciativa eConcellos é a creación das oficinas de atención presencial ao cidadán da Xunta de Galicia, que actuarán como puntos de libre acceso e uso equipados cos medios precisos para que os usuarios poidan realizar os trámites administrativos de xeito telemático.

Ademais, a Xunta elaborará un catálogo de a lo menos 85 procedementos telemáticos para ofertar aos concellos galegos. Posteriormente, os procedementos seleccionados polas entidades locais iranse implantando paulatinamente, comezando cun mínimo de 10 procedementos en 105 concellos.

Tamén se porá a disposición dos concellos a adaptación e cesión dos sistemas de licitación e facturación electrónica da Xunta para ser usados polas entidades locais e potenciar o uso da Plataforma de Contratación de Galicia e do Rexistro Xeral de Contratistas polos concellos.

De cara ao vindeiro ano a iniciativa e Concellos redefinirá o modelo de rexistro do Portelo Único, existente ata agora, establecendo unha integración efectiva do rexistros públicos dixitais das entidades locais para evitar a ralentización na recepción da documentación e posterior tramitación. Este proceso de modernización suporá a dotación de equipamento aos 315 concellos e ás 4 deputacións provinciais de Galicia, cun investimento aproximado de 2 millóns de euros.

Por outra banda, afianzarase o espazo dixital EidoLocal (www.eidolocal.com) como o portal das entidades locais, potenciando os seus contidos e que o seu uso se consolide na vida diaria municipal. A web disporá dun apartado privado que baixo o epígrafe, carpeta do concello, cada municipio poderá xestionar a súa relación coa Xunta así como dun espazo destinado aos servizos de apoio aos concellos e dunha ventanilla única da relación de servizos prestados polas entidades locais.