A Xunta fomenta o uso de formatos libres e de estándares abertos a través do Plan Floss 2011 en colaboración coas asociacións de usuarios e empresas do sector e as tres universidades

Mércores 30 de Marzo de 2011

A Xunta fomenta o uso de formatos libres e de estándares abertos a través do Plan Floss 2011 en colaboración coas asociacións de usuarios e empresas do sector e as tres universidades

A Administración autonómica traballará durante 2011 nun proxecto de Reutilización de Información do Sector Público

Trátase de ofrecer os conxuntos de datos expostos baixo licenzas abertas, que permitirán a súa redistribución, reutilización, e aproveitamento por parte de terceiros

A xunta desenvolverá este ano máis de 120 accións de fomento e difusión do sofware libre en colaboración coas asociacións de usuarios e empresas do sector e as tres universidades

O Plan de Acción Floss 2011 que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica continúa “o camiño da colaboración e da coordinación cos axentes do software libre iniciado o ano pasado”. Así o destacou esta mañá o subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións, Adrián Lence, durante a súa intervención an Xornada Galega do Día da Liberdade de Documentos celebrada hoxe en Vigo.

O obxectivo prioritario en 2011, segundo lembrou Lence,  é acadar en Galicia un maior uso do software libre, e de documentos baseados en estándares abertos no ámbito da sociedade da información. Con esta finalidade o Plan, que ten unha dotación de 865.000 euros, contempla máis de 120 actuacións en colaboración coas asociacións galegas de usuarios e empresas de software libre e das tres universidades.

Reutilización da Información do Sector Público
O subdirector xeral destacou a aposta da Xunta de Galicia polos estándares abertos e a compartición de documentación xerada polas administracións públicas e indicou que  este ano traballarase nun proxecto de Reutilización de Información do Sector Público. Trátase de ofrecer os conxuntos de datos expostos baixo licenzas abertas, que permitirán a súa redistribución, reutilización, o procesamento automático e seu aproveitamento por parte da cidadanía, diferentes órganos da Administración e a iniciativa privada.

O obxectivo da Xunta é dispoñer este ano dunha primeira versión dun Portal Open Data, útil e doado de manexar, tanto para os usuarios finais como para as unidades que queiran ofrecer os seus datos. O Open Data en Galicia é o resultado do compromiso do Goberno galego a expoñer os datos públicos que obran no seu poder de forma reutilizable, co fin de que terceiros poidan crear servizos derivados destes.

Guía para os arquivos das webs corporativas
Por outra banda, Adrián Lence repasou algunhas das iniciativas postas en marcha a través do Plan Floss 2010 entre as que destacou a elaboración da Guía de obrigado cumprimento sobre as Políticas de uso de formatos de arquivos asociados aos contidos web da Administración autonómica. Lence sinalou que “durante 2011 estas políticas recibirán o impulso apropiado para que progresivamente se vaia incorporando o seu uso na xestión interna diaria da Xunta de Galicia.”

Ademais, o responsable de Infraestruturas e Telecomunicacións da Xunta recordou que todos os documentos, publicacións ou produtos audiovisuais realizados polas diferentes entidades e asociacións do software libre ao abeiro do Plan Floss 2010 foron publicados con licenzas libres, ao igual que se fará cos traballos que se realicen ao longo de 2011.

Día da Liberdade dos Documentos
O Día da liberdade dos Documentos (DFD) é unha iniciativa levada adiante por distintas organizacións e entidades do Software Libre, segundo iniciativa da FSF (Free Software Foundation) en todo o mundo o 30 de marzo. A Comunidade galega do Software Libre quixo unirse a este día de celebración mundial organizando unha xornada que se celebra hoxe na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

O obxectivo é chamar atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que empregan en formatos libres e baixo estándares abertos, así como promover a adopción de formatos de documentación abertos, integrar unha rede global e coordinar actividades para difundir a importancia destes conceptos na era dixital.