A Xunta financia con 750.000 euros un programa de incentivos á excelencia innovadora para os proxectos que se integren no futuro Centro de Emprendemento tic da Cidade da Cultura

Xoves 08 de Maio de 2014

A Xunta financia con 750.000 euros un programa de incentivos á excelencia innovadora para os proxectos que se integren no futuro Centro de Emprendemento tic da Cidade da Cultura

Feijóo destaca que a Xunta complementará co patrocinio de ideas, con axudas para a posta en marcha de proxectos emprendedores e con préstamos reembolsables os recursos dos que disporán as 50 iniciativas e profesionais seleccionados para desenvolverse e recibir asesoramento e formación.

Avanza que o vindeiro 12 de maio se abrirá a convocatoria para acceder ao Centro de Emprendemento, co obxectivo de que entre en funcionamento tras o verán.

Afirma que esta iniciativa suporá aproveitar un espazo da Cidade da Cultura como punto de encontro dos axentes TIC e crear alí o referente dixital de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Administración autonómica financiará con 750.000 euros un programa de incentivos á excelencia innovadora para os proxectos que se integren no futuro Centro de Emprendemento TIC que se vai poñer en marcha na Cidade da Cultura en virtude dun acordo con Telefónica. O mandatario autonómico sinalou que coa creación deste Centro de Emprendemento “recollemos un dos principais froitos do Pacto Tecnolóxico que temos asinado con 11 empresas de ámbito nacional e internacional” e engadiu que a contribución adicional da Xunta aprobada hoxe polo Consello demostra a vontade de “buscar os mellores tecnólogos e os mellores proxectos” e de facer “o máis atractivo posible” o proceso de selección dos emprendedores tecnolóxicos.

Feijóo fixo fincapé en que este programa de incentivos, financiado pola Xunta con fondos da Axencia Galega de Innovación, acompañará a entrada en funcionamento do Centro de Emprendemento TIC na Cidade da Cultura, un centro que, na súa etapa inicial, ofrecerá a 50 emprendedores do ámbito tecnolóxico un espazo para desenvolver os seus proxectos e recibir asesoramento e formación.

Logo de precisar que a convocatoria para acceder ao centro se abrirá o vindeiro 12 de maio, co obxectivo de que entre en funcionamento tras o verán, o presidente da Xunta destacou que o programa de incentivos aprobado hoxe establece tres tipos de axudas: para o patrocinio de ideas, para a posta en marcha de proxectos emprendedores e para préstamos reembolsables.

No tocante aos incentivos para o patrocinio de ideas, o titular da Xunta subliñou que, neste caso, se achegará a cada un dos proxectos seleccionados unha bolsa de 2.000 euros para a súa participación no proxecto. E, sobre a posta en marcha de proxectos emprendedores, afirmou que as tres iniciativas seleccionadas como mellores en cada convocatoria recibirán unha axuda de 25.000 euros, a título individual, para a execución do proxecto e que será compatible con outras axudas de entidades públicas ou privadas, e, por suposto, co financiamento que achegue Telefónica.

En relación aos incentivos para préstamos reembolsables, Feijóo resaltou que se trata de préstamos de 25.000 euros para cada un do tres mellores proxectos anuais que se constitúan previamente como empresa TIC con sede en Galicia.

O presidente da Xunta salientou que este centro suporá tamén aproveitar un espazo como é a Cidade da Cultura para que sexa punto de encontro dos axentes do eido das TIC que se consolide como referente dixital de Galicia; ademais de continuar a colaboración co sector tecnolóxico como vía máis axeitada para garantir o desenvolvemento de Galicia neste ámbito.