A Xunta está a traballar nunha axenda dixital local para impulsar proxectos tecnolóxicos nas vilas galegas
A iniciativa persegue desenvolver a Sociedade da Información a nivel local empregando os recursos existentes de maneira eficiente e cun modelo participativo e adaptable ás peculiaridades das distintas áreas urbanas
A Administración autonómica está a sentar as bases das futuras Smart Cities e do Fogar Dixital coa extensión das infraestruturas de telecomunicación máis punteiras en todo o territorio galego
Galicia é a primeira Comunidade que está a tramitar unha lei que obrigará a inclusión dos elementos necesarios para o desenvolvemento do Fogar Dixital en vivendas de nova construción
A Xunta de Galicia está a traballar na elaboración da Axenda Dixital Local Local da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. Trátase dunha folla de ruta para potenciar o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos nos concellos galegos, que se apoien nas TIC para empregar os recursos existentes de maneira eficiente e cun modelo participativo e adaptable ás peculiaridades das distintas áreas urbanas.
Segundo explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, é un traballo que a Administración autonómica está a realizar en colaboración co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal.
A responsable da Amtega explicou esta iniciativa durante a inauguración da X edición de Galicia TIC en Vigo, un congreso no que se analizan as tendencias máis actuais das novas tecnoloxías como todo o relacionado coa mobilidade, o almacenamento virtual, o fogar dixital ou as Smart Cities.
Novas solucións tecnolóxicas, nova oportunidades para o sector
Mar Pereira sinalou que estas novas solucións tecnolóxicas sitúan ao sector TIC ante un reto dunha enorme envergadura pero cun amplo abano de oportunidades e sitúan as TIC como un dos elementos estratéxicos para saír fortalecidos da crise. Ademais, recalcou que as novas tecnoloxías axudarán ao desenvolvemento da economía ao permitir un uso máis eficiente dos recursos.
A directora da Axencia para a Modernización destacou o apoio do Goberno galego ao novo concepto do Fogar Dixital. A implantación de tecnoloxías dixitais nas vivendas é un elemento fundamental para o desenvolvemento de servizos avanzados que conforman un claro motor de dinamización e de desenvolvemento do sector tecnolóxico de Galicia.
Neste sentido, a responsable autonómica recordou que Galicia é a primeira Comunidade que está a tramitar unha Lei de Telecomunicacións que obrigará a inclusión dos elementos necesarios para o desenvolvemento do Fogar Dixital en vivendas de nova construción.
Mar Pereira afirmou que a base sobre a que se apoian estes novos servizos dixitais e intelixentes é a banda larga. Un ámbito no que a Xunta de Galicia fixo un esforzo importante nos últimos dous anos coa extensión de infraestruturas de telecomunicación por todo o territorio galego grazas ao Plan de Banda Larga.
Redes NGAs, a base dos novos servizos dixitais
Grazas ao Plan, tamén se están a despregar redes de nova xeración (NGAs) con velocidades de 100Mbps, as que permiten o acceso aos servizos máis avanzados da Sociedade da Información. A día de hoxe máis de 1 millón de galegos xa dispoñen de acceso a estas redes e a finais de 2013 serán case 1,3 millóns.
A directora da Amtega sinalou que esas redes ultrarápidas serán tamén a base dos primeiros pilotos do as chamadas “cidades intelixentes” ou Smart Cities, onde todas as constantes vitais urbanas estarán baixo control de forma remota e automática. Mar Pereira fixo fincapé no convencemento do Goberno galego de apostar por adiantarse e sacar o máximo proveito destas novas tendencias tecnolóxicas.
E neste camiño, afirmou, a Administración autonómica conta co mellor aliado un sector tecnolóxico que, a pesar das importantes dificultades económicas está a manter o nivel de emprego. A directora da Amtega situou ao sector TIC como un sector estratéxico da economía galega, polo seu papel tractor do resto de sectores chave da economía para contribuír a mellorar a súa produtividade e competitividade.