A Xunta está a desenvolver un plan para mellorar a seguridade dos sistemas informáticos na Administración Pública
O Subdirector xeral de Calidade Interoperabilidade participou esta mañá na inauguración das Xornadas sobre protección de datos organizadas polo Colexio de Enxeñaría Informática
Aplicarase de xeito progresivo ao conxunto das consellerías, organismos autónomos, sociedades e fundacións do sector público autonómico
O Plan Director de Seguridade da Información conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros ata o ano 2014
“A posta en marcha do Plan de Seguridade da Información recoñece a importancia que ten a seguridade da información sobre a confianza que os cidadáns depositan na administración•”, así o manifestou o subdirector de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade, Jaime Barros, durante a inauguración das Xornadas Empresa, Protección de Datos e Administración electrónica que se celebran en Santiago de Compostela.
O subdirector de Calidade incidiu na importancia de que o desenvolvemento das novas tecnoloxías tanto a nivel empresarial como da administración pública vaia acompañado dunha clara preocupación pola seguridade como factor decisivo na implantación da administración electrónica e da sociedade da información. Por iso un dos obxectivos do Goberno galego para continuar avanzando na implantación da eadministración é mellorar a seguridade para minimizar os posibles incidentes neste eido, garantir a confidencialidade da información e asegurar a continuidade dos servizos prestados.
Implantación progresiva
Jaime Barros destacou que o Plan de Seguridade establece as medidas necesarias para mellorar a seguridade dos sistemas de información de todos os departamentos da Xunta e aplicarase progresivamente ao conxunto das consellerías, organismos autónomos, sociedades públicas e fundacións do sector público autonómico. Ademais, avanzou que no Plan se perfilan unha serie de iniciativas orientadas a asesorar e sensibilizar ao persoal da Administración Local en materia de protección de datos, de seguridade informática e de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.
O subdirector xeral destacou que coas medidas previstas no Plan a Xunta quere servir tamén como elemento xerador de confianza nos medios electrónicos para así promover un tecido empresarial sólido en seguridade da información e que incremente a confianza e a protección dos dereitos da cidadanía galega na sociedade da información.
Medidas
O Plan de Seguridade contempla dez liñas de actuación no período 2010-2014 que implican a análise dos riscos, o establecemento de medidas adecuadas, a corrección e mellora continúa dos sistemas para converter á Administración autonómica, paulatinamente, nun ente máis preventivo que reactivo ante os problemas de seguridade.
Así mesmo, Jaime Barros lembrou que co desenvolvemento deste Plan dáse resposta ás esixencias do Esquema Nacional de Seguridade, que indica que todos os órganos superiores das Administracións públicas deberán dispoñer formalmente da súa política de seguridade, que será aprobada polo titular do órgano superior correspondente.
Colaboración
As xornadas, organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, reúne desde hoxe e ata o xoves 4 en Santiago de Compostela, a destacados expertos para afondar na normativa sobre a protección de datos no desenvolvemento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías.
A celebración destas xornadas enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) para o desenvolvemento de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da Información. En virtude deste acordo o departamento autonómico achegou 112.000 euros ao CPEIG para a realización de 6 actividades diferentes.