A Xunta está a colaborar cos concellos, deputacións, entidades locais e operadores de telecomunicacións no despregue da banda larga en Galicia

Xoves 22 de Abril de 2010

A Xunta está a colaborar cos concellos, deputacións, entidades locais e operadores de telecomunicacións no despregue da banda larga en Galicia

A Administración autonómica aprobou hoxe o acordo entre a Secretaría Xeral de Modernización e Agader para iniciar os traballos no rural galego

A primeira fase de implantación do Plan abrangue 22 concellos do provincia luguesa, 5 da Ribeira Sacra ourensá e 1 municipio de Pontevedra

As actuacións que se van poñer en marcha permitirán xa no 2011 dotar de cobertura ao 68,33% da poboación dos 28 concellos

Investiranse 10,74 millóns de euros ata 2013 para achegar Internet de calidade a unha das zonas máis afectadas pola fenda dixital

A Xunta de Galicia está a traballar no desenvolvemento do Plan de Banda Larga 2010-2013 para achegar Internet de calidade a todos os galegos. Unha actuación para a que se contou coa colaboración de todas as consellerías da Xunta, dos concellos galegos, das deputacións provinciais e dos organismos ou entidades públicas de eido local ou provincial, así como dos distintos operadores de telecomunicacións. O Goberno galego ve fundamental manter esta liña de cooperación para a realización pola transversalidade inherente ao plan.

O Plan, presentado polo presidente da Xunta en Lugo o pasado 19 de febreiro, iníciase no sur desta provincia e nunha parte Ribeira Sacra ourensá, as que máis acusan a fenda dixital. Un dos primeiros pasos para o comezo da implantación do plan é o acordo entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader, que se aprobou esta mañá no Consello da Xunta, para a extensión de redes de transporte de alta capacidade no rural galego e de redes inalámbricas de banda larga no sur de Lugo por un importe de 5,7 millóns de euros con cargo aos orzamentos de Agader para o 2010.

Sur de Lugo

O despregamento de novas infraestruturas nos 28 concellos do sur de Lugo, parte da Ribeira Sacra ourensá, é un municipio de Pontevedra, permitirán achegar a banda larga ao 83,19% da poboación e xa no vindeiro ano a porcentaxe de cobertura situarase no 68,33%. Actualmente, nestas zonas só o 37,32% dos habitantes teñen acceso á banda larga de calidade.

Dos 10.740.000€ de investimento previsto a finais de 2013 para dotar de cobertura aos 28 municipios desta fase, 3.460.000€ destinaranse á implantación de redes fixas, 5.610.000€ a redes inalámbricas e os 1.670.000€ restantes se aplicarán á posta en marcha de redes de nova xeración (NGAs), que permiten velocidades de conexión de ata 100 Mbps. Destas últimas beneficiaranse arredor de 26.145 habitantes de Monforte, Chantada e Sarria.

Esta primeira fase de despregamento de novas infraestruturas realizarase 12 concellos da Ribeira Sacra luguesa (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil), outros 10 do sur da provincia de Lugo (Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria), 3 municipios da Ribeira Sacra ourensá (Nogueira de Ramuín, A Peroxa e A Teixeira) e nos concellos de San Cristovo de Cea e Vilamarín (Ourense) e Rodeiro (Pontevedra).

Reverter a situación actual

Actualmente o 45,6% de habitantes da provincia de Lugo non teñen acceso á rede de calidade, seguida de Ourense cun 41,2%, A Coruña co 24,5% e Pontevedra do 21,7%. Por núcleos de poboación Lugo segue á cabeza das provincias con máis dificultades de acceso á banda larga rexistrando un 76% de núcleos sen conexión á rede, seguida de Ourense cun 69,5%, A Coruña cun 48,5% e Pontevedra cun 29,8%.

Será un despregamento de infraestruturas baseado na eficiencia e na cooperación de todos os axentes implicados, o que permitirá que a dotación orzamentaria de 102 millóns de euros da Xunta de Galicia poida superar os 230 millóns mobilizando capital privado e doutras administracións.