A Xunta elaborará nos próximos meses o Plan Estratéxico Tecnolóxico Global para impulsar a modernización da Administración e a inclusión de Galicia no novo contexto dixital

Mércores 28 de Outubro de 2009

A Xunta elaborará nos próximos meses o Plan Estratéxico Tecnolóxico Global para impulsar a modernización da Administración e a inclusión de Galicia no novo contexto dixital

Mar Pereira asegura que este plan “será o instrumento fundamental para orientar a política tecnolóxica da Xunta de Galicia nos próximos anos

Sostén que se trata dun “importante desafío” no fomento do uso das TIC nos sectores produtivos e socias, e dun instrumento “clave” de competitividade e de estímulo da demanda e da dinamización do sector tecnolóxico galego

Apela á cooperación e á lealdade institucional entre os gobernos para establecer políticas que garantan un acceso de calidade ás TIC e que permitan superar a brecha dixital 
Indica que no tramo de idade entre os 16 e os 24 anos, Galicia adianta en dous puntos á media de España na utilización do ordenador e na conexión a Internet

Destaca o “espectacular protagonismo” do sector TIC no tecido empresarial galego, onde, no 2008, o nivel de emprego era de máis de 13.500 traballadores, o número de empresas situábase en 1.575 e o volume de negocio ascendía aos 2.500 millóns de euros no 2007

Como mostra deste potencial, alude ao recente acordo por ampla maioría no Congreso do Deputados polo que se insta ao Goberno a que valore a candidatura de Galicia como Sede Estatal da Axencia de Radiocomunicacións por reunir as condicións idóneas para albergala.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica adiantou hoxe que, nos próximos meses, o Goberno galego elaborará o Plan Estratéxico Tecnolóxico Global para impulsar a modernización da Administración galega e para acadar, de forma definitiva, a inclusión de Galicia no novo contexto dixital. Mar Pereira resaltou que se trata dun “importante desafío” no fomento do uso das TIC nos diferentes sectores produtivos e sociais, e dun instrumento “clave” de competitividade, e para estimular a demanda e dinamizar o sector tecnolóxico galego.

Así o manifestou hoxe durante a súa intervención no acto de presentación do Informe 2008 sobre a Sociedade da Información en España, realizado pola Fundación Telefónica e que se desenvolve en colaboración cos Observatorios da Sociedade da Información das comunidades autónomas; instrumentos, agregou, “que se consolidan como elementos fundamentais de vixilancia e monitorización na aplicacións das novas tecnoloxías”.

“A sociedade galega está a protagonizar un cambio de rumbo dirixido a superar os condicionantes xeográficos e socioeconómicos que ralentizaron a súa inmersión na Sociedade da Información”, dixo, para resaltar que tanto a cidadanía como a industria de Galicia teñen identificado nas TIC as ferramentas apropiadas para emprender procesos de transformación que posibiliten un desenvolvemento sostible da nosa comunidade.

Aunar esforzos nun marco de cooperación e lealdade institucional
Mar Pereira referiuse á chamada brecha dixital, que pon de manifesto a desigualdade no acceso dos territorios á Sociedade da Información e considerou que recoñecer a existencia destas desigualdades “constitúe o primeiro paso para comezar a superalas”. Mar Pereira aludiu á importancia de establecer “un marco de cooperación e lealdade institucional” á hora de ditaminar políticas estatais e rexionais, integrando recursos e levando a cabo actuacións complementarias, para “estar á altura do que demanda a sociedade”.

Así, considerou que é “crucial” que os gobernos incorporen “como prioridade” nas súa axendas o desenvolvemento de políticas públicas capaces de aproveitar “ao máximo” o progreso tecnolóxico, e instou a “aunar esforzos” para despregar “ambiciosas tarefas” na garantía dun aceso de calidade ás redes de telecomunicacións e na capacitación dos cidadáns para que saiban aproveitalas correctamente.

Neste senso, mencionou a Lei de acceso electrónico ás Administracións Públicas, ou o Plan Avanza, que permitiu inxectar no sector 11.000 millóns de euros nos últimos cinco anos. E engadiu: “Somos moitos os que agardamos o próximo Avanza 2 como continuidade dun esforzo imprescindible por parte do Goberno central neste camiño”.

Os máis novos, principais usuarios de internet en Galicia
No tocante á realidade galega, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica sinalou que os datos confirman a relevancia do hábitat e a idade na composición global das poboacións en risco de exclusión.

Detallou que, por idades, as persoas que fan un uso máis intensivo das TIC son as que están entre os 16 e os 44 anos, con porcentaxes de utilización do ordenador e de internet superiores ao 70 por cento e ao 64 por cento, respectivamente. Entre os 16 e os 24 anos, proseguiu, estas cifras ascenden ao 92 por cento, adiantando en dous puntos á media do conxunto de España neste grupo de idade.

Canto aos efectos da brecha dixital, apuntou que existe unha correlación coa dispersión e o illamento poboacional. Así, a porcentaxe de galegos que conta con conexión a internet no hábitat urbano é do 49,2 por cento fronte ao 33 por cento do hábitat rural.

Pereira afirmou que, na actualidade, máis da metade dos galegos navegan pola Rede e, deles, un 36,5 por cento realiza lectura de blogs, 5,5 puntos máis que a media que rexistra o conxunto do Estado.

Un sector xerador emprego e volume de negocio
No que atinxe ás empresas, o tecido empresarial galego caracterízase por unha acusada capilaridade, representando as microemporesas nun 95 por cento do total. A secretaria de Modernización concretou que son as empresas de máis de dez empregados as que amosan un maior grado de penetración das TIC, en converxencia coa media estatal. Pola súa banda, as microempresas presentan aínda niveis baixos de equipamento tecnolóxico de presenza na Rede: un 54,6 por cento dispón de ordenador, un 39,9 por cento de conexión a internet e un 35,8 por cento de correo electrónico, expuxo.

Na súa intervención puxo de manifesto o “espectacular protagonismo” do sector TIC galego, no que se refire á taxa de creación de traballo e o volume de negocio que xera. Así, explicou que o nivel de emprego no sector TIC superou no ano 2008 os 13.500 traballadores, e o número de empresas TIC, a finais do 2008, situábase en 1.575. Consonte relatou, o volume de negocio xerado polas empresas TIC con asalariados e con sede social en Galicia superou en 2007 os 2.500 millóns de euros.

Mar Pereira, destacou que unha mostra clara deste potencial é o recente acordo por ampla maioría no Congreso do Deputados polo que se insta ao Goberno de España a que valore a candidatura de Galicia como Sede Estatal da Axencia de Radiocomunicacións por reunir as condicións idóneas para albergala.