A Xunta e o Concello de Santiago compartirán infraestruturas de telecomunicacións
Esta medida favorecerá a modernización das comunicacións internas e externas das administracións reducindo os custos asociados de obra civil que supoñen ata un 80% do total da implantación das novas redes de telecomunicacións.
Enmárcase nun dos obxectivos da Lei autonómica 3/2013 para fomentar a cooperación e a coordinación entre os distintos niveis da Administración Pública, e entre estas e os operadores de telecomunicacións.
O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso a Internet a máis de 13.600 veciños de 51 núcleos de Santiago.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o alcalde do Concello de Santiago, Agustín Hernández, asinaron esta mañá un convenio para o aproveitamento recíproco das infraestruturas e instalacións de ambas administracións para o desenvolvemento de redes de telecomunicacións no municipio.
O acordo permitirá compartir activos autonómicos e locais como torres de antenas, canalizacións, galerías de servizos e fibra óptica, existentes no termo municipal para favorecer a modernización das comunicacións internas e externas de ambas administracións. Esta medida reduce a necesidade de realizar obra civil, que supón ata un 80% do custo total da implantación de novas redes de telecomunicacións.
Deste xeito, o convenio posibilitará que, por exemplo, o Concello de Santiago poida instalar equipamentos de telecomunicacións municipais en infraestruturas da Administración autonómica ou que a Xunta de Galicia poida empregar as canalizacións municipais para estender fibra óptica entre os seus edificios.
Os recursos de comunicacións son unha peza angular dos servizos dixitais e da administración electrónica, por iso é preciso realizar os despregamentos tecnolóxicos que permitan levar as redes de comunicacións aos distintos centros nos que estas desenvolven a súa actividade.
Un dos obxectivos da Lei autonómica de telecomunicacións
Esta medida se enmarca nun dos obxectivos da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia que é fomentar a cooperación e a coordinación entre os distintos niveis da Administración Pública, e entre estas e os operadores de telecomunicacións, para promover despregamentos máis eficientes e respectuosos coa contorna urbanística e o medio ambiente.
Así, esta medida contribúe a mellora da dispoñibilidade e calidade das telecomunicacións, que se están convertendo en cruciais dentro da actividade das administracións, abrindo novas formas de relación entre estas e a cidadanía, sendo fundamentais para ofrecer un servizo de calidade e inmediato.
A Xunta de Galicia consciente de que Internet é chave na nova forma de relacionarse coa administración para resolver consultas ou xestións sen restricións de horarios ou distancias, asinou este convenio co obxectivo de que contribúa a acadar unha administración máis transparente, participativa e próxima á cidadanía.
Investimento de 840.000 a través do Plan de Banda larga
As infraestruturas telecomunicacións son a columna vertebral da sociedade dixital e as redes de banda larga a peza angular sobre a que estamos a desenvolver a estratexia tecnolóxica da Administración autonómica. Por iso unha das primeiras medidas do actual Goberno galego nesta materia foi a posta en marcha do Plan de Banda Larga da Xunta en 2010.
En Santiago as medidas do Plan, impulsado pola Amtega, facilitaron o acceso á Internet, a través de redes fixas e sen fíos, a 13.688 habitantes de 51 núcleos do concello que carecían de cobertura de Internet. Estas actuacións supuxeron un investimento público-privado de máis de 840.000 euros e incrementaron a porcentaxe de poboación con acceso á Rede no municipio do 85,5% a máis do 98%.
Por outra banda, a día de hoxe máis do 78% da poboación dispón de cobertura de redes de fibra óptica que permiten velocidades de máis de 100 Mbps e a fibra óptica está presente no polígono industriais do Tambre e nos parques empresariais de Costa Vella e A Sionlla.