A Xunta e as principais asociacións galegas do sector TIC comprométense a impulsar a responsabilidade social empresarial no eido tecnolóxico
Traballo e Amtega elaborarán unha Guía de Boas Prácticas de RSE para o sector TIC e crearase unha plataforma sectorial TIC galega de fomento da Responsabilidade Social Empresarial
Ambos departamentos autonómicos analizarán programas nacionais e europeos de financiamento que teñan como obxectivo promover a RSE nas pemes galegas para aumentar a súa competitividade
Durante 2014 realizaranse 7 xornadas divulgativas en colaboración coas Asociacións do sector así como actividades prácticas para xestionar e implantar medidas de RSE nas empresas TIC
Impulsar a Responsabilidade Social Empresarial no sector TIC galego e fomentar a difusión dos produtos e solucións de tecnoloxía social son os dous obxectivos globais do protocolo asinado esta mañá en Santiago entre a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e os presidenteS de Agestic, José María López Bourio; de Eganet, Víctor López García; do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral e o vicepresidente de Agasol, Javier Castaño Garcia.
Esta colaboración inscríbese no marco de actuacións que a Xunta está a desenvolver no eido da Responsabilidade Social Empresarial (RSE), e para potenciar as actuacións que está a realizar o sector TIC nesta materia, especialmente no ámbito da tecnoloxía social.
Actuacións para impulsar a RSE no sector TIC
Entre outras medidas o protocolo asinado hoxe prevé a elaboración dunha Guía de Boas Prácticas de RSE para o sector TIC, coa información achegada polas asociacións asinantes e que servirá de base para a creación dunha plataforma sectorial TIC de fomento da RSE.
Ademais, ao longo de 2014 realizaranse 7 xornadas de difusión e boas prácticas organizadas por toas as partes asinantes así como actividades de formación práctica sobre como implantar e xestionar a RSE no sector TIC en colaboración coas asociacións.
O Observatorio da Sociedade da Información e da Comunicación de Galicia (Osimga), dependente da Amtega elaborará o vindeiro ano un estudo monográfico sobre a RSE no sector TIC, que será resultado das respostas ás preguntas específicas que se incluirán sobre este tema na súa enquisa anual sobre as empresas TIC galegas.
Tanto a Consellería de Traballo como a Amtega se comprometen a analizar programas nacionais e europeos de financiamento, que teñan como obxectivo promover a RSE nas pemes galegas, e polo tanto aumentar a súa visibilidade.
Todas as actividades se difundirán a través dos diferentes portais xestionados por ambos departamentos autonómicos.
Programa de Voluntariado Dixital e Plan de Acción RSE 2014-2015
Ambas responsables autonómicas destacaron que esta colaboración da continuidade as actuacións que os seus departamentos están a desenvolver nesta materia.
No caso de Amtega, Mar Pereira destacou o labor de mecenas dixitais que están a desenvolver as 23 empresas tecnolóxicas adheridas ao Programa de Voluntariado Dixital, que se puxo en marcha en 2012 e que son exemplos de boas prácticas de RSE. No último ano estes mecenas dixitais colaboraron activamente co programa para achegar as TIC aos colectivos máis afectados pola fenda dixital contribuíndo economicamente no programa de formación, mediante a doazón de equipamento TIC e outros bens, cedendo o uso de espazos TIC, apoiando a comunicación ou financiando eventos específicos.
Desde a Consellería de Traballo e Benestar destacouse o impulso da RSE a través das tecnoloxías como o software XUNTA-PRO-RSE, pioneiro en España, que o departamento autonómico ten a disposición de todas as empresas galegas para axudalas a integrar as variables da Responsabilidade Social Empresarial(RSE) na súa xestión. Con iso conseguiranse empresas máis sólidas, comprometidas co emprego e coa sociedade e eficaces, mellorando o seu posicionamento e visibilidade para competir nun mundo globalizado. Isto enmárcase como unha das accións do novo impulso que se lle quere dar ao Observatorio Permanente da Responsabilidade Social Empresarial de Galicia.
Xornada sobre Exemplos de Boas prácticas de RSE no sector TIC galego
Tras a sinatura do acordo celebrouse unha xornada sobre Boas Prácticas de RSE no sector TIC galego, organizada pola Amtega en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar.
Os asistentes coñeceron de primeira man 12 iniciativas de empresas TIC en catro ámbitos distintos da Responsabilidade Social Empresarial. A primeira mesa de debate expuxo solución ou produtos TIC orientadas ao eido da saúde, o benestar ou o envellecemento activo, cos casos concretos de Imaxdi, Bahía Software e Wireless Galicia.
Na mesa de boas prácticas para mellorar o lugar de traballo, Elogia, Everis e Igailia deron conta das medidas que desenvolveron para medidas pra conciliar a vida laboral e familiar, promover a igualdade de oportunidades, mellorar a comunicación interna e facilitar a formación do seu persoal.
A terceira mesa abordou as boas prácticas con impacto na comunidade da man de Iterdata, Balidea e Abertal que expuxeron iniciativas como o voluntariado corporativo, as que favorecen a integración social ou laboral a nivel local, doazóns en metálico ou especies a institucións sociais...
A cuarta e última mesa de mañá analizou casos integrais de boas prácticas, coas empresas Ednon , R e Tecnocom, como exemplos de entidades que integran a RSE de forma transversal en todas as funcións de negocio.