A Xunta e a Generalitat Valenciana intercambian experiencias sobre software libre na administración autonómica

Sábado 16 de Outubro de 2010

A Xunta e a Generalitat Valenciana intercambian experiencias sobre software libre na administración autonómica

O encontro, que terá lugar o luns na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, enmárcase dentro da estratexia da Xunta de Galicia no eido da información xeográfica galega

Tras a reunión celebrarase unha conferencia no Museo Pedagóxico de Galicia na que os responsables dos proxectos valencianos falarán sobre “Software Libre na Administración Pública: experiencias na Generalitat Valenciana”

O vindeiro luns 18 de outubro terá lugar un encontro na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe entre membros da Xunta de Galicia e responsables da Generalitat Valenciana para intercambiar experiencias en proxectos de Software Libre (FLOSS) na Administración Pública. A este encontro asistirán membros da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e o SITGA, entre outros, para coñecer os proxectos levados a cabo en Valencia nos últimos anos como o proxecto gvPontis de migración a FLOSS ou a exitosa aplicación informática gvSIG. Entre os convidados atópanse Martín García Hernández (Xefe do Servizo de Organización e Informática da Conselleria d'infraestructures i transport), Gabriel Carrión Rico (Director do proxecto gvSIG na Conselleria d'infraestructures i transport) e Álvaro Anguix Alfaro (Director Xeral da Asociación gvSIG).

Este evento está en consonancia coas medidas estratéxicas da Xunta de Galicia no eido da xestión e coordinación da información xeográfica da comunidade.

No marco desta reunión celebrarase unha conferencia-coloquio aberta ao público baixo o título "Software Libre na Administración Pública: experiencias na Generalitat Valenciana" na que participarán os tres convidados de Valencia. Esta charla pública, que sen dúbida será de grande interese para as persoas relacionadas dalgún xeito tanto cos sistemas de información cartográfica, como coas novas tecnoloxías, terá lugar ese mesmo luns 18 de outubro ás 12:30 horas no Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro, n.º 107 15781 Santiago de Compostela) e a entrada será libre ata completar o aforo de 120 persoas.