A Xunta e a Fegamp concretan o plan de traballo 2022-2023 para avanzar na mellora da cobertura móbil nos 65 concellos adheridos ao programa

Martes 05 de Abril de 2022

A Xunta e a Fegamp concretan o plan de traballo 2022-2023 para avanzar na mellora da cobertura móbil nos 65 concellos adheridos ao programa

• A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Fegamp mantiveron hoxe unha xuntanza na que abordaron os seguintes pasos previstos como a posta a disposición, por parte dos municipios implicados, dos terreos nos que se situarán as infraestruturas de telecomunicación
• A Xunta, a través do operador público Retegal, comezou cos concellos os traballos de busca e identificación de parcelas e a concreción de cada un dos proxectos municipais
• A Administración autonómica puxo en marcha esta iniciativa en 2019, asinando un convenio co Fegamp que permitiu identificar as zonas con carencias de cobertura
• Tras solicitar a autorización da Comisión Europea para realizar esta actuación, o pasado mes de decembro a Xunta concedía a primeira liña de axudas para a extensión de telefonía móbil en España aprobada por Europa
• O adxudicatario, o operador Vodafone, ofertou a mellora da cobertura na totalidade dos concellos adheridos ao programa que cumpriron cos requisitos establecidos
• A Xunta e a Fegamp coinciden na necesidade de que o Goberno de España que teña en conta a dispersión poboacional de Galicia no desenvolvemento do Programa ÚNICO
• Ademais, a Xunta solicita ao Goberno estatal a que descentralice nas comunidades autónomas os fondos para os despregamentos de 5G

 

A Xunta e a Fegamp abordaron hoxe os pasos para avanzar nas medidas paliativas impulsadas pola Administración autonómica para mellorar a cobertura de telefonía móbil en Galicia, das que se beneficiarán 290 núcleos de 65 concellos. Na xuntanza, na que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, concretouse o Plan de Actuación que deberán seguir os municipios nos que se realizarán as actuacións.

Este Plan contempla a presentación dun proxecto por parte dos concellos, que inclúe a posta  á disposición da Xunta das parcelas nas que o operador público Retegal construirá as torres de telecomunicación, os permisos correspondentes e a execución das acometidas eléctricas.  A Administración autonómica, a través de Retegal, xa iniciou en colaboración cos concellos os traballos de campo para identificar os terreos dos futuros emprazamentos.

De feito, a día de hoxe máis do 97% dos concellos enviaron datos de contacto a Retegal para iniciar o proceso de validación do proceso e desde Retegal se lles trasladaron as áreas de busca máis apropiadas para as parcelas. Máis do 30% dos concellos enviaron xa unha proposta de terreos para situar as torres de telecomunicación, e o 85% destas propostas xa recibiron unha validación previa.

Esta actuación comezaba en 2019 coa sinatura dun convenio entre a Axencia e a Fegamp que permitiu identificar as carencias de cobertura móbil en todos os concellos que se adheriron ao programa. Tras solicitar á Comisión Europea autorización para realizar esta actuación a Xunta adxudicaba o pasado mes de decembro a primeira liña de axudas para extensión de telefonía móbil aprobada por Europa a Vodafone. O operador ofertou a mellora da cobertura na totalidade dos concellos adheridos ao programa que cumpriron cos requisitos establecidos. En total, 290 núcleos de 65 municipios das catro provincias galegas
 

Dispersión poboacional, cobertura e descentralización de fondos

A Xunta e Fegamp tamén abordaron na xuntanza a situación da cobertura móbil en Galicia e comparten á diagnose en relación ao impacto que teñen a dispersión no despregamento das redes de telecomunicacións. Neste sentido, ambas entidades coinciden na necesidade de que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital teña en conta este criterio no desenvolvemento do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO).  

A Xunta ten trasladado  ao Goberno do Estado esta necesidade en diferentes ocasións así como a modificación do actual Servizo Universal de Banda Ancha co obxecto de incluír, non só un incremento da velocidade do acceso fixo a internet nos fogares que é de tan só 1Mega, senón tamén a cobertura móbil de internet e voz.

O último dato dispoñible, de mediados de 2020, sinala que o 72,2% dos galegos, dispoñen de cobertura de redes de máis de 100Mbps, fronte ao 54,8% do ano 2014. A cobertura incrementouse en case un 32% dende 2014, grazas aos despregamentos derivados dos  Plan de Banda Larga 2014 con 81 millóns de euros de Fondos Feder, xestionados pola Administración autonómica e o Plan de Banda Larga da Xunta e 2020, con 18,6 millóns de euros  de Fondos Feader, como actuación complementaria ao Programa Estatal de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración. Desde 2015 o Estado xestiona directamente os Fondos Feder para a extensión da Banda Larga.

Agora o Estado ten en marcha o Programa ÚNICO  con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRPT), do que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o  0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado.

É preciso continuar a mellorar a cobertura e tecnoloxía das redes móbiles para que o 5G estea dispoñible para todo o territorio de Galicia.  Por iso a Xunta tamén solicita ao Goberno de España que os proxectos de despregamentos de 5G ao amparo dos dos Fondos PRTP se descentralicen nas comunidades autónomas para gañar axilidade e acadar unha mellora adaptación das actuacións ás necesidades de cada territorio.