A Xunta e a FEGAMP colaboran na implantación da Administración electrónica nos concellos galegos

Martes 13 de Xullo de 2010

A Xunta e a FEGAMP colaboran na implantación da Administración electrónica nos concellos galegos

O conselleiro de Presidencia, a secretaria xeral de Modernización e o presidente da FEGAMP asinaron hoxe un acordo para avanzar no desenvolvemento da eAdministración nas entidades locais

A Administración autonómica garantirá a prestación do sistema de rexistro e información de todos os escritos e comunicacións presentados con destino ás entidades locais a través das súas oficinas de rexistro e información ao cidadán

Integraranse novos servizos na web EidoLocal, potenciando os seus contidos e consolidando o seu uso na vida diaria municipal

A Xunta facilitará ás entidades locais os seus sistemas de licitación e facturación electrónica

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández, asinaron esta mañá un convenio para o desenvolvemento da eAdministración nas entidades locais galegas coa finalidade de garantir aos cidadáns o acceso electrónico aos servizos públicos.

Neste sentido, Rueda destacou que a sinatura deste convenio favorece un novo modelo de relación entre as administracións públicas e os cidadáns, máis fluídas e frutíferas, baseadas na vocación cooperativa de apoio aos concellos. Esta aposta pola eAdministracións, continuou, enmarcase nunha estratexia de pais que pasa polo uso intensivo das novas tecnoloxías como instrumento de dinamizacións social e económica.

Con vixencia ata decembro do 2013, o acordo garantirá por parte da Administración Autonómica a prestación do sistema de rexistro e información de todos os escritos e comunicacións destinados aos concellos a través das oficinas de atención presencial da Xunta e realizará os investimentos necesarios en infraestrutura e telecomunicacións para a correcta prestación do servizo. Ademais, a Xunta comprométese a establecer os sistemas de intercomunicación e coordinación de rexistros coas entidades locais que garantan a súa compatibilidade informática.

Outro dos puntos recollidos no acordo é a potenciación do portal de Internet www.eidolocal.com para convertelo en canle de comunicación permanente coas entidades locais de Galicia. Deste xeito, o espazo Eido Local impulsará o uso da sinatura electrónica para o intercambio de documentos entre a Administración Autonómica e os concellos. Así mesmo, garantirase o acceso á Rede Corporativa da Xunta de Galicia cunha capacidade de 1Gb/s a todas entidades locais que se adhiran ao presente convenio desde o momento da sinatura.

Iniciativa eConcellos
O convenio asinado hoxe, constitúe o marco xurídico no cal as entidades locais poderán asinar a súa adhesión e integrarse nas actuacións previstas na iniciativa eConcellos, que a través de dúas liñas estratéxicas, seis áreas de actuación e 17 iniciativas impulsará a implantación da administración electrónica nos concellos galegos.

A iniciativa eConcellos, que conta cun orzamento de 9,1 millóns de euros ata o ano 2013, ten como obxectivo desenvolver a Administración Electrónica nas entidades locais e garantir uns niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns.

Para conseguir os obxectivos previstos nesta iniciativa, potenciaranse e complementaranse os proxectos xa iniciados, dándolle valor aos investimentos realizados e mellorando a penetración da eAdministración na sociedade galega, especialmente nos concellos de menos de 30.000 habitantes, que son os que rexistran máis dificultades.

O primeiro paso que recolle o plan é acadar a cooperación entre administracións nun marco de niveis homoxéneos de servizo. Unha vez obtido un nivel semellante na oferta e na calidade das prestacións nas catro provincias acometeranse accións conxuntas e desenvolverase a interoperabilidade entre as administracións galegas. A Xunta actuará como eixo de unión entre as entidades públicas galegas coordinando a compartición de información e documentos e será a porta de entrada cara ás administracións públicas estatais.

Obxectivos 2010-2011
Un dos primeiros pasos para modernizar a relación coa cidadanía previstos na iniciativa eConcellos é a creación das oficinas de atención presencial ao cidadán da Xunta de Galicia, que actuarán como puntos de libre acceso e uso equipados cos medios precisos para que os usuarios poidan realizar os trámites administrativos de xeito telemático.

Ademais, a Xunta elaborará un catálogo de a lo menos 85 procedementos telemáticos para ofertar aos concellos galegos. Posteriormente, os procedementos seleccionados polas entidades locais iranse implantando paulatinamente, comezando cun mínimo de 10 procedementos en 105 concellos.

Tamén se porá a disposición dos concellos a adaptación e cesión dos sistemas de licitación e facturación electrónica da Xunta para ser usados polas entidades locais e potenciar o uso da Plataforma de Contratación de Galicia e do Rexistro Xeral de Contratistas polos concellos.

De cara ao vindeiro ano a iniciativa e Concellos redefinirá o modelo de rexistro do Portelo Único, existente ata agora, establecendo unha integración efectiva do rexistros públicos dixitais das entidades locais para evitar a ralentización na recepción da documentación e posterior tramitación. Este proceso de modernización suporá a dotación de equipamento aos 315 concellos e ás 4 deputacións provinciais de Galicia, cun investimento aproximado de 2 millóns de euros.