A Xunta e a FEGAMP colaboran na extensión da rede CeMIT por toda a comunidade
Os Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) posibilitan o acceso igualitario á alfabetización dixital e contribúen á vertebración territorial e social de Galicia. Deste xeito, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e o presidente da Fegamp asinaron hoxe un protocolo para fomentar á adhesión dos concellos a esta iniciativa.
O acordo permitirá un modelo de xestión máis sostible.
A Rede CeMIT está presente en 94 municipios galegos e o obxectivo é achegala ao maior ámbito xeográfico, institucional e social posible.
A Secretaría Xeral de Modernización e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) colaborarán para que a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) estea presente na maioría dos concellos galegos cun modelo de xestión máis sostible e con capacidade para estenderse a máis concellos. Actualmente, son 94 os municipios que dispoñen dalgunha destas aulas públicas de acceso a Internet da Comunidade Autónoma.
A Rede, constituida a principios de abril tras a integración das aulas dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, os telecentros da Secretaría Xeral de Medios e o CNTG, da Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo a formación en novas tecnoloxías de todos os colectivos sociais, especialmente aqueles con máis dificultades de acceso á sociedade da información.
Un novo modelo de xestión
O obxectivo do convenio asinado esta mañá entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira e o presidente da Fegamp, Carlos Fernández, é continuar o labor da Rede mellorando o modelo de xestión para facelo máis sostible e posibilitando a súa continuidade. A liña de cooperación que establece o acordo permitirá ampliar a Rede CeMIT a máis concellos que se irán incorporando paulatinamente ata tratar de acadar a totalidade da Comunidade Autónoma.
A adhesión dos concellos levarase a cabo en tres fases, a primeira comprendería aqueles municipios que contan cunha aula da antiga Rede de Dinamización da Sociedade da Información, unha segunda abarcaría aos concellos que dispoñen dun centro da Rede de Telecentros de Comunicación e, finalmente, iríanse sumando as distintas entidades municipais.
Requisitos
Os municipios interesados en incorporarse á Rede CeMIT deberán dispoñer dun local que cumpra os requisitos técnicos precisos e contratarán ao axente TIC que se ocupará de desenvolver as actividades do centro, achegando a Administración autonómica o 80% do seu custe laboral. Ademais, a Xunta tamén se ocupará de dotar de equipamento informático ao centro e do mantemento técnico do mesmo. O novo modelo de adhesión posibilitará así a posta en marcha de novos centros e a contratación de máis axentes TIC para apoiar difusión das novas tecnoloxías en todo o territorio galego.
Segundo se recolle no acordo asinado esta mañá, a Xunta e a Fegamp se comprometen á planificación conxunta, intercambio de información e coordinación das actuacións para o desenvolvemento e promoción da Rede CeMIT. Neste sentido, a Federación Galega de Municipios e Provincias será informada da programación dos centros así como das solicitudes de adhesión á Rede que realicen os concellos da Comunidade para que faga as recomendacións que considere oportunas para o seu estudo polo Comité de Dirección do CeMIT.
Rede CeMIT
Os obxectivos da Rede, integrada por aulas dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, os telecentros da Secretaría Xeral de Medios e o CNTG, da Consellería de Traballo e Benestar, son promover o uso das novas tecnoloxías na poboación, en especial naqueles colectivos onde a fenda dixital se fai máis evidente; fomentar a formación entre os profesionais galegos para que sexan capaces de dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo relacionados coas TIC; proporcionar plans formativos adecuados ás novas demandas tecnolóxicas, multimedia e audiovisuais; dinamizar as pemes e micropemes, amosándolles as vantaxes da de fomentar o uso das TIC no tecido empresarial, divulgar e capacitar os servizos da Administración Electrónica.
Plan de Alfabetización
A Rede CeMIT conta cun Plan de Alfabetización Dixital, que prevé a realización este ano de máis de 2.000 cursos repartidos en 14 categorías temáticas, o que suporá máis de 15.000 horas de formación dos que se beneficiarán arredor de 13.000 persoas. Estas actividades formativas intentan dar cobertura ás necesidades detectadas na maior parte dos colectivos, facendo especial fincapé naqueles onde a fenda dixital se fai máis evidente. Con este obxectivo realizaranse durante este ano uns 1.200 cursos de alfabetización dixital, o que supón máis do 60% da formación impartida pola Rede. Tamén se desenvolverán diferentes accións especializadas e de carácter técnico para os profesionais TIC galegos, ocupados ou en busca de emprego. Algúns destes cursos, que suman arredor de 3.000 horas lectivas, incorporan certificación oficial ao seu remate.
Os diferentes servizos teñen como público obxectivo cinco colectivos: a cidadanía, na que se inclúen os desempregados, maiores, inmigrantes, mulleres e persoas con discapacidade; os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos; e os axentes territoriais, colectivo que agrupa aos servizos municipais, asociacións civís, empresariais, Ongs, Anpas etc.