A Xunta dotará de máis medios tecnolóxicos as fiscalías de Galicia para o seguimento do expediente xudicial
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta entre ambas as dúas institucións
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron hoxe a reunión da Comisión Mixta entre ambas institucións, na que tamén asistiu o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, onde abordaron a nova fase da renovación continuada dos postos de traballo do Ministerio Público. A partir do 20 de febreiro distribuiranse nas fiscalías 138 ordenadores de sobremesa e 93 portátiles, co que quedará finalizada a adecuación solicitada para o seguemento do expediente xudicial.
Ademais, avanzouse na aplicación do programa Fortuny, que coa súa última versión permitirá a posta en marcha das funcionalidades demandadas en canto á recepción de notificacións e presentación de escritos, así como a integración coa firma dixital no portafirmas do Ministerio de Justicia. Todo encamiñado a potenciar o traballo sen papel e a acondicionar a xustiza aos novos tempos.
Por parte da Fiscalía tamén participaron o Fiscal Xefe de Sala da Unidade de Apoio do Fiscal Xeral do Estado, José Luis Bueren; o fiscal da FXE, Germán Gutiérrez; o Fiscal Xefe Provincial da Coruña, Javier Rey Ozores; o fiscal xefe da Fiscalía Provincial de Lugo, Roberto Brezmes Caramanzana; o fiscal xefe provincial de Ourense, Florentino Delgado Ayuso; e o Fiscal Xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro.
Por parte da Xunta, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; a directora da Amtega, Mar Pereira: os subdirectores de Persoal e Medios da Administración de Xustiza, María Dolores Sáez e Rafael Juanatey; a xefa do Servizo de Coordinación Técnico-Administrativa da Dirección Xeral de Xustiza, Adelaida Vega; e a directora da Área de Modernización das Administracións Públicas da Amtega, María José García Sexto.