A Xunta dota de dispositivos remotos a case medio cento de fiscais galegos para axilizar a xustiza
Os dispositivos permiten aos fiscais o acceso desde as súas casas aos recursos dispoñibles dende a rede interna da Xunta
A dotación de dispositivos 3G se enmarca no Plan Senda 2014, que ten por obxecto integrar as TICs na Xustiza, unha das apostas do Executivo galego
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou esta mañá no Parlamento de Galicia que a día de hoxe xa hai activados e en uso 46 dispositivos de conexión 3G para fiscais galegos. Estes dispositivos, explicou, permítelles o acceso remoto desde as súas casas aos recursos dispoñibles dende a rede interna da Xunta; mellorando deste xeito a axilidade e a eficiencia da Xustiza galega.
Segundo Martín, co obxecto de mellorar os medios que se poñen a disposicións dos profesionais dos distintos colectivos vinculados á Administración de xustiza en Galicia, a Xunta está a levar a cabo esta iniciativa de mobilidade, que permite aos membros da fiscalía realizar as súas tarefas dende fóra das instalacións xudiciais.
Este dispositivo de conexión 3G, configurado no seu portátil profesional, permite o acceso a internet e así mesmo, coa debida configuración de seguridade, permite o acceso aos mesmos recursos que se estivera traballando dende o edificio xudicial.
Así, dende calquera sitio alleo á rede de xustiza e a calquera hora, os fiscais poden acceder tanto á intranet da Administración de Xustiza en Galicia; como á súa intranet corporativa, aos servizos de correo electrónico, aos documentos persoais e compartidos da rede de Xustiza e ao sistema de xestión das fiscalías, Fortuny, entre outros recursos profesionais.
O director xeral de Xustiza explicou que esta medida de acceso remoto aos sistemas de información xudiciais nas fiscalías se enmarca no Plan Senda 2014 que desenvolve a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza, e que ten por obxecto integrar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación na Xustiza.
Renovación informática
Martín tamén destacou que dentro Plan Senda, levouse a cabo a renovación do 85 por cento dos equipos informáticos cunha antigüidade superior a cinco anos e que neste primeiro trimestre de 2012 está prevista a actualización de 500 postos de sobremesa e 500 equipos portátiles na Administración xudicial -e fiscal- de Galicia.
Ademais, lembrou que durante o ano pasado implantáronse 22 novos servizos de videoconferencia, que tamén dan cobertura á Fiscalía de Galicia, ás catro Fiscalías provinciais, ás tres Fiscalías de Área e ás catro Seccións Territoriais; e completouse a implantación de sistemas de videoconferencias persoais para a súa utilización por parte dos fiscais.