A Xunta destinará máis de 500 millóns ata 2021 para impulsar os servizos públicos dixitais e reforzar a cohesión dixital da Administración

Xoves 05 de Abril de 2018

A Xunta destinará máis de 500 millóns ata 2021 para impulsar os servizos públicos dixitais e reforzar a cohesión dixital da Administración

• Precisa que, entre os fins estratéxicos, destacan tamén: a capacitación dixital; promover a economía dixital; o crecemento do ecosistema dixital; a dispoñibilidade dos servizos públicos dixitais; e as medidas instrumentais e de eficiencia

   

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello do contrato de xestión plurianual da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia que disporá de máis de 500 millóns de euros ata 2021 para desenvolver 50 programas e responder aos fins estratéxicos entre os que destacan: reforzar a cohesión dixital da Administración; promover os servizos públicos dixitais; fomentar a capacitación dixital; promover a economía dixital; apoiar o crecemento do ecosistema dixital; garantir a dispoñibilidade dos servizos públicos dixitais; e aplicación de medidas instrumentais e de eficiencia.

O presidente da Xunta destacou que o reforzo da cohesión dixital da Administración afectará tanto ao funcionamento interno da Administración como á súa relación coa cidadanía.

En relación aos servizos públicos dixitais, sinalou que afectará a ámbitos como o comercio a empresa e a industria, a xustiza, a Administración ou o ámbito social. No tocante á xustiza, lembrou o compromiso de implantar un modelo de sala de vistas totalmente dixital; así como estender a sinatura dixital e o sistema de xestión de arquivos e obxectivos relacionados cos delitos ao 95% dos órganos xudiciais.

No eido da Administración, destacou a necesidade de mellorar a sede electrónica e poñer en marcha a carpeta do cidadán ou incrementar nun 60% a porcentaxe de accesos. E no ámbito social, consolidarase a Historia Social Única Electrónica, ademais de avanzar no modelo de Fogar Dixital.

Sobre o fomento da capacitación dixital, o titular da Xunta subliñou o compromiso de promover o talento no eido das TIC; avanzar no Plan de Inclusión Dixital; ou a extensión das redes de alta velocidade nos centros de ensino e da educación dixital, co obxectivo de chegar aos 20.000 alumnos.

Así mesmo, e para promover a economía dixital ofreceranse ferramentas dixitais ao sector turístico e mellorarase a rede de oficinas; poñeranse as TIC ao servizo da xestión dos arquivos, museos e o patrimonio; dixitalizaranse tamén os sectores primarios; e modernizarase o transporte por estrada, para facilitar o transporte baixo demanda.

Para apoiar o crecemento do ecosistema dixital, destacou o obxectivo de estender a banda larga, para que o 96% da poboación teña acceso a redes de 30 megas.

Garantir a dispoñibilidade e a seguridade dos servizos públicos dixitais, co desenvolvemento do Plan de Seguridade da Xunta; e implantar medidas instrumentais e de eficiencia, como a aprobación definitiva da Lei de Administración dixital, a consolidación da contratación centralizada, e a mellora das infraestruturas, sistemas e redes corporativas que dan servizo aos 3.000 centros da Administración autonómica, son outros obxectivos que se atopan dentro desta estratexia.