A Xunta destina máis de 400.000 euros a proxectos dinamizadores das áreas rurais promovidos por microempresas para o uso das TIC

Martes 18 de Marzo de 2014

A Xunta destina máis de 400.000 euros a proxectos dinamizadores das áreas rurais promovidos por microempresas para o uso das TIC

Estas subvencións enmárcanse no convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para desenvolver actuacións do Plan de Banda Larga de Galicia

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 441.000 euros a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) para este ano.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e que son xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Esta axencia é o instrumento básico de actuación da Xunta no medio rural, á que lle corresponden as funcións de fomento e coordinación do desenvolvemento do rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar no posible o despoboamento deste territorio.

Estas axudas están destinadas á implantación de equipamento físico (hardware) e aplicacións informáticas (software), para que as microempresas aproveiten as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) xunto co acceso a internet de calidade, no seu proceso de negocio. Estas subvencións enmárcanse no convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para facilitar o acceso a internet vía satélite dentro das actuacións do Plan de Banda Larga de Galicia e promover o uso das TIC entre as microempresas do rural.

As axudas poden chegar ata un máximo do 50% dos investimentos subvencionables -máxima prevista no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013-, e ata un máximo de 30.000 € de subvención por beneficiario, sendo 4.000 € o investimento mínimo esixido.