A Xunta destaca que o Plan de Banda Larga está a construír os piares da Galicia do futuro
Javier Guerra salienta que as tecnoloxías da información e a comunicación son un dos principais factores que permitirán acelerar a innovación en Galicia
O Goberno galego está a marcar os obxectivos concretos de converxencia con Europa no eido das novas tecnoloxías a través da Axenda Dixital de Galicia e tamén no Plan I2C
Desde mediados de 2010, tal e como sinala Mar Pereira, o Plan de Banda Larga reduciu nun 41% a poboación que non podía acceder a Internet e coa última acción posta en marcha, baseada na tecnoloxía 3G, achegarase o acceso á Rede ao 94% de galegos
A extensión das infraestruturas de telecomunicacións está a sentar as bases de novos servizos dixitais como a comunicación máquina a máquina e por extensión das cidades intelixentes
Son as denominadas “Smart Cities, un novo concepto de cidade onde todas as constantes vitais urbanas estarán baixo control de forma remota e automática
Galicia é unha as primeiras comunidades autónomas que están a impulsar o despregamento destas redes de nova xeración con velocidades de 100Mbps
Arredor de 882.000 galegos dispoñen a día de hoxe da posibilidade de acceso a estas redes símbolo de innovación
O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, que interviñeron esta noite na XVI Noite Galega das Telecomunicacións, que nesta edición tivo como lema central a “Nova economía sobre a banda larga” destacaron a importancia das tecnoloxías da información e a comunicación como unha peza clave que permitirá acelerar a innovación en Galicia.
Mar Pereira salientou o Plan de Banda Larga como columna vertebral de todas as políticas tecnolóxicas da Xunta e un elemento fundamental na de dinamización económica e recordou que o obxectivo do Plan Banda Larga de Galicia 2010 – 2013” é conseguir unha Galicia totalmente interconectada que sirva de base para a potenciación do sector TIC e a integración das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade”.
Pola súa banda, Javier Guerra, que foi o encargado de pechar o acto de entrega dos premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, asegurou que no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento, I2C, vixente ata 2015, as TIC “poden e deben xogar un importante papel no impulso da innovación como un dos seus principais factores de aceleración”.
O titular de Economía e Industria, quen recordou que un dos programas sectoriais do I2C se centra especificamente nas TIC, salientou que a Xunta “é plenamente consciente do carácter transversal e tractor das tecnoloxías da información e a comunicación en relación con todos os demais ámbitos de coñecemento e sectores de actividade económica”.
Preparados para os novos servizos dixitais
A día de hoxe as accións do Plan de Banda Larga reduciron nun 41% a poboación que non podía acceder a Internet e coa última acción posta en marcha, baseada na tecnoloxía 3G, achegarase o acceso á Rede ao 94% de galegos.
Con esta solución tecnolóxica dótase ao rural galego dunha infraestrutura preparada para os posibles aumentos de velocidade e calidade que se demanden no futuro e para os novos servizos que xa aparecen no mercado como a sinatura dixital no móbil, a teleasistencia social e sanitaria, o pagamento a través do teléfono ou servizos de seguridade.
A secretaria xeral destacou que “ademais de dotar de cobertura a todos os galegos o Plan sitúa a Galicia entre as primeiras comunidades autónomas que están a impulsar o despregamento destas redes de nova xeración”. Grazas ás actuacións derivadas do Plan Banda Larga levados a cabo por R, e xunto coas iniciativas privadas dos operadores, arredor de 882.000 galegos dispoñen, a día de hoxe, da posibilidade de acceso a estas redes símbolo de innovación.
Estas infraestruturas permitirán que tanto cidadáns e empresas da Comunidade contribuirán crear unha sociedade moderna e intelixente, e mellorará a calidade de vida dos cidadáns e tamén a competitividade no sector produtivo.
E neste sentido, a secretaria xeral destacou algunhas das liñas de evolución que está a seguir o modelo de negocio dos operadores como a explosión das comunicacións “máquina a máquina” (M2M), coas que se tece unha arañeira de infraestrutura dixital que conecta obxectos, procesos, información e persoas.
Na súa máxima combinación, estes sistemas están permitindo crear os primeiros pilotos do que son as chamadas “cidades intelixentes” ou Smart Cities, onde todas as constantes vitais urbanas estarán baixo control de forma remota e automática “É por isto que, na nosa comunidade o Plan Banda Larga está a construír os piares para o desenvolvemento das comunicacións maquina a maquina, e por extensión, das Cidades Intelixentes”, engadiu.
Un novo modelo produtivo
Mar Pereira afirmou que o Goberno Galego quere adoptar un novo modelo produtivo baseado no emprego intelixente das TIC. “Galicia non pode conformarse con ser un espectador, ten a oportunidade e a obriga de responder activamente e non cabe dúbida que temos capacidade para facelo” sinalou.
Por iso, indicou “estamos a marcar os obxectivos concretos de converxencia con Europa no eido das novas tecnoloxías, baixo a convicción de que este é o camiño para o desenvolvemento social e económico de todos os galegos” indicou.
Estes obxectivos están recollidos na Axenda Dixital de Galicia e tamén no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C), e compleméntanse e apoian os obxectivos económicos marcados no Plan Estratéxico de Galicia 2014 Horizonte 2020.
Entre as últimas actuacións postas en marcha a responsable de novas tecnoloxías do Goberno galego recordou que recentemente aprobouse o Decreto que regula a presenza da Administración Autonómica en internet, que contempla aposta en marcha do portal Open Data.
Este avance cara o Goberno aberto, que permitirá por á disposición de cidadáns e empresas a información que xera a Administración o que portal contribuirá á posibilidade de novas oportunidades de negocio para emprendedores, dando lugar a novas aplicacións, servizos e produtos.