A Xunta destaca a utilización das novas tecnoloxías como unha das claves para mellorar a competitividade empresarial
Juan Cividanes salienta que as empresas deben aprender a xestionar datos masivos sobre os seus procesos para mellorar os seus produtos e obter vantaxes competitivas tanto a nivel local como a nivel global
Subliña que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a formación no ámbito 4.0
Destaca que a Axenda Galicia-Industria 4.0 facilitará o investimento de 175 millóns de euros nos próximos dous anos para avanzar no crecemento competitivo do tecido empresarial galego
O director do Igape, Juan Cividanes salientou esta tarde os avances na implantación da Industria 4.0 como unha das claves para mellorar a competitividade empresarial facilitando a incorporación á xestión de novas tecnoloxías e a xestión intelixente e masiva de datos (Big Data) para optimizar procesos e produtos.
Durante a súa intervención na clausura dunha xornada técnica específica sobre Big Data organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, o director do Igape subliñou que as empresas deben aprender a xestionar datos masivos sobre os seus procesos para mellorar os seus produtos e obter vantaxes que reforcen a súa competitividade tanto a nivel local como a nivel global.
Nesta liña, Cividanes lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a apoiar, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), servizos e programas formativos para impulsar a Industria 4.0 entre traballadores e mandos intermedios de empresas galegas.
O director enmarcou estas actuacións no desenvolvemento da Axenda Galicia-Industria 4.0, que impulsará o investimento de 175 millóns de euros nos próximos dous anos, logo de chegar a máis de 4200 empresas nos dous primeiros anos, para avanzar no crecemento competitivo do tecido empresarial galego.