A Xunta destaca a importancia da coordinación entre a acción policial, xudicial e as administracións públicas na loita contra a ciberdelincuencia

Mércores 28 de Setembro de 2016

A Xunta destaca a importancia da coordinación entre a acción policial, xudicial e as administracións públicas na loita contra a ciberdelincuencia

Alfonso Rueda, e a directora da Amtega, Mar Pereira, inauguraron hoxe a VI Xornada de Informática Xudicial e delitos informáticos

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda destacou a importancia de articular unha coordinación axeitada entre a acción policial, xudicial e de todas as administracións públicas, para facer fronte aos novos fenómenos criminais da ciberdelincuencia.

Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, inauguraron hoxe a VI Xornada de Informática Xudicial e delitos informáticos, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, en colaboración coa Amtega.

As Xornadas son un punto de encontro para diversos colectivos que ofrece a posibilidade de estudar, reflexionar e poñer en común temas referentes á delincuencia informática, así como a situación das tecnoloxías da información na Administración de Xustiza e o seu uso para avanzar na súa modernización.

O pasado ano entraron en vigor de importantes reformas lexislativas que afectan ao ámbito da delincuencia informática, como é o caso da reforma do código penal ou a modificación lexislativa da Lei de axuizamento criminal, que adapta a normativa ás exixencias técnicas de investigación dos delitos do século XXI, polo que é necesario unha modernización da lexislación e tamén da Administración.

Boa proba disto é o funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, que grazas ao “Plan Achega”, permite xa que preto de 1.400 procedementos administrativos do sector público poidan presentarse de xeito electrónico, o que representa o 95% dos procedementos que a Administración autonómica ten á disposición da cidadanía e das empresas. Unicamente o 5% dos procedementos administrativos manteranse polo de agora como presenciais por diversas causas funcionais ou tecnolóxicas.

No eido da Administración de Xustiza acaba de publicarse a Orde pola que se crea e regula a sede xudicial electrónica de Galicia, que xunto con outras ferramentas permitirá a realización de actuacións, procedementos e servizos dos profesionais e da cidadanía ante a Administración de xustiza, obxectivo no que o Goberno galego está a realizar un esforzo económico sen precedentes a través do Plan Senda 2020 cun investimento de 26 millóns de euros, para a consolidación da dixitalización da xustiza no noso territorio, polo que a Administración de Xustiza galega camiña con paso firme cara a unha xustiza sen papel e tecnoloxicamente eficaz.