A Xunta destaca a crecente demanda de perfís especializados en ciberseguridade e a necesidade de xerar e reter talento neste ámbito

Martes 13 de Xuño de 2023

A Xunta destaca a crecente demanda de perfís especializados en ciberseguridade e a necesidade de xerar e reter talento neste ámbito

• O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño, inaugurou hoxe en Ourense unha xornada sobre as perspectivas de futuro desta tecnoloxía en Galicia
• Lembrou que o 30% das pemes e grandes empresas galegas están a demandar estes perfís profesionais
• Subliñou a importancia crecente da ciberseguridade, parella á universalización dos servizos dixitais
• Destacou o esforzo da Comunidade para estar á vangarda neste ámbito

 

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, sinalou hoxe que Galicia precisa talento especializado en ciberseguridade para continuar afrontando os retos da dixitalización. O responsable autonómico inaugurou esta mañá a xornada Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) en Ourense, animando aos alumnos a explorar as oportunidades laborais que ofrece esta tecnoloxía.

O director da Axencia lembrou que en Galicia “o 30% das pemes e das grandes empresas están a demandar traballadores en ciberseguridade ou pensa facelo nun futuro”. Ademais, sinalou que en España prevese que “o mercado da ciberseguridade acade os 2.000 millóns de euros en 2024”, o que se traduce nunha alta demanda de profesionais do sector.

Cerviño incidiu en que a ciberseguridade é unha prioridade para os gobernos de todo o mundo e subliñou que “protexer a información na contorna dixital e frear a crecente ameaza da ciberdelincuencia non é unha opción, senón unha necesidade”. Por iso, destacou o esforzo da Comunidade para situarse á vangarda nesta tecnoloxía como unha das liñas de actuación da Estratexia Galicia Dixital 2030, que contempla a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en San Cibrao das Viñas.

 

Preto de 200 inscritos

Preto de 200 persoas participan hoxe, de xeito presencial e online, nesta xornada organizada polo Nodo CIBER.gal en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en  Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, no campus de Ourense.

O obxectivo do encontro é achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaboran entidades e persoas referentes neste ámbito como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros.

Ao longo do encontro abordarase a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos. Tamén se analizará a evolución e futuro do Nodo Galego de Ciberseguridade, e terán lugar  obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade.

 

Nodo CIBER.gal

O CIBER.gal é un proxecto de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e afrontar os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo.