A Xunta desminte que a implantación do Minerva NOX provocara a desaparición de sentencias xa dictadas

Xoves 29 de Xullo de 2010

A Xunta desminte que a implantación do Minerva NOX provocara a desaparición de sentencias xa dictadas

A única incidencia que se produciu foi nos Xulgados do Penal de Ourense, onde 177 asuntos non migraron ao novo programa durante un proceso previo á implantación do Minerva NOX

A implantación da aplicación informática Minerva NOX non provocou a perda das executorias en ningún xulgado galego. A implantación do novo programa informático, no marco da posta en marcha da Nova Oficina Xudicial, iniciouse o pasado 4 de maio, unha vez que foi facilitado polo Ministerio de Xustiza, que é o organismo que está a solucionar as incidencias que se detectaron en colaboración coa Xunta de Galicia.

Previamente á implantación do Minerva NOX e nun proceso totalmente independente procedeuse á migración da aplicación de xestión procesual Libra á de Minerva (antecedente de Minerva Nox) nos Xulgados do Penal de toda Galicia e tras realizar esta migración entre 2007 e 2009 nos restantes órganos xudiciais galegos.

O proceso completouse rexistrando unha única incidencia que se produciu nos Xulgados do Penal de Ourense, onde por causa dun rexistro xudicial defectuoso 177 asuntos (dun total de 22.984) non migraron ao programa novo permanecendo no antigo sistema Libra, o que non permite visualizalos dende Minerva.

Na actualidade dende a Secretaría Xeral de Modernización estanse a corrixir individualmente os defectos do rexistro de asuntos, para posteriormente incorporalos ao novo programa Minerva dende onde poder seguir tramitándose.

Incidencias da aplicación Minerva

A Xunta de Galicia continúa colaborando co Ministerio de Xustiza, departamento que subministra a nova aplicación Minerva NOX, para tratar de solventar no menor tempo posible as incidencias deste sistema de xestión procesual implantado o pasado 4 de maio. A Administración autonómica é consciente dos trastornos que está a ocasionar o cambio do sistema informático e así llo está a trasladar ao Goberno central que é o responsable de prover o Minerva NOX á Comunidade autónoma.