A Xunta de Galicia ultima a posta en funcionamento do Portal do Investidor

Domingo 26 de Agosto de 2012

A Xunta de Galicia ultima a posta en funcionamento do Portal do Investidor

Os investidores poderán comprobar como Galicia está nunha mellor situación comparativa en termos de solvencia, rigor e estabilidade orzamentaria

A nova ferramenta incluirá información sobre os datos macroeconómicos, financeiros, orzamentarios e institucionais

A finalidade é incrementar a transparencia e difundir a situación financeira de Galicia, a comunidade con menor déficit público

Estará dispoñible en galego, castelán e inglés

A Xunta de Galicia ultima a posta en funcionamento do Portal do Investidor, unha ferramenta web que facilitará un aumento da transparencia en xeral coa cidadanía e en especial cos investidores de débeda pública, segundo explicou hoxe o director xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Facenda, Manuel Galdo.

Asemade, subliñou que este portal, ao que se accederá desde a páxina institucional da Administración autonómica, facilitará información sobre datos macroeconómicos, financeiros, orzamentarios e institucionais, de maneira que se converta nun lugar de información e consulta especializada.

Manuel Galdo salientou que un dos principais obxectivos é que se coñeza a situación financeira de Galicia, a comunidade con menor déficit en 2011, con menos da metade da media, a autonomía que ten o maior rating posible –o mesmo que o Estado- e a única de réxime común que non tivo que acollerse a o mecanismo especial habilitado polo Goberno central para o pagamento de provedores.

Desta forma, os especialistas en mercados financeiros disporán de toda a información necesaria e os investidores poderán analizala e poderán comprobar como Galicia está nunha mellor situación comparativa co resto en termos de solvencia, rigor orzamentario e cumprimento do déficit público.

O director xeral de Política Financeira e Tesouro tamén confirmou que o Portal do Investidor estará dispoñible en galego, castelán e inglés.