A Xunta de Galicia publica a aplicación da plataforma de contratos de Galicia para dispositivos móbiles

Domingo 07 de Decembro de 2014

A Xunta de Galicia publica a aplicación da plataforma de contratos de Galicia para dispositivos móbiles

Está dispoñible para os sistemas operativos Android e iOS e pode empregarse tanto en galego como en castelán.

Permite acceder a todas a publicacións da plataforma, consultar os diferentes perfís de contratante e sinalar procedementos como favoritos para facilitar o seu seguimento.

Con esta son xa 15 as aplicacións para dispositivos móbiles publicadas pola Administración autonómica, que suman máis de 135.000 descargas.

 A Xunta de Galicia vén de publicar a nova aplicación para dispositivos móbiles “PcPG – Contratos de Galicia”. Trátase dunha app desenvolta pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite a consulta en calquera momento e desde calquera lugar, mediante dispositivos móbiles, da información da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos Android e iOS, e pode empregarse tanto en galego como en castelán. Actualízase de xeito constante coa reutilización da información procedente de www.contratosdegalicia.es, co que permite acceder ás últimas publicacións da plataforma, a aquelas que se atopan en prazo de presentación de ofertas, ás pendentes de adxudicar, ás que se atopan nos últimos días de prazo de presentación e ás próximas mesas de contratación.

A aplicación inclúe tamén a opción de consulta dos diferentes perfís de contratante e a posibilidade de sinalar determinados procedementos como favoritos para facilitar o seu seguimento.

15 apps e máis de 135.000 descargas
Con esta son xa 15 as aplicacións para móbiles e tabletas publicadas pola Xunta de Galicia para diferentes sistemas operativos: Android, iOS, Windows Phone e Blackberry. En total, as aplicacións da Xunta de Galicia nas diferentes plataformas suman xa máis de 135.000 descargas.

No ámbito administrativo, a aplicación de Contratos de Galicia engádese á xa dispoñible para consultar o Diario Oficial de Galicia. O catálogo de aplicacións móbiles da Administración autonómica complétase coas apps para demandantes de emprego (Mobem), para o ámbito educativo (abalarMóbil), para a mocidade (Carné Xove), as relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute, MeteoSIX), o medio ambiente (Parques Naturais de Galicia), as
relacionadas co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus) e coa cultura (Museo Centro Gaiás, eBiblio Galicia).

O obxectivo é ofrecer ferramentas para achegar a Administración á cidadanía, empregando para iso as novas tecnoloxías.

Máis información das aplicacións: http://www.xunta.es/aplicacions-mobiles
Descarga da app “PcPG – Contratos de Galicia”. para Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=es.xunta.pcgmobil
Descarga da app “PcPG – Contratos de Galicia”. para iOS: https://itunes.apple.com/us/app/pcpg/id940006581?l=es&ls=1&mt=8