A Xunta de Galicia porá en marcha este ano o Portal do Investidor

Domingo 08 de Xaneiro de 2012

A Xunta de Galicia porá en marcha este ano o Portal do Investidor

O obxectivo é aumentar a transparencia e dar a coñecer a situación financeira da comunidade, que actualmente ten o maior rating posible

Incluirá información sobre datos macroeconómicos, financeiros, orzamentarios e institucionais e poderá ser consultada en galego, castelán e inglés

A Xunta de Galicia porá en marcha este ano o Portal do Investidor co obxectivo de incrementar a transparencia coa cidadanía en xeral e cos investidores de débeda pública en particular, segundo anunciou hoxe o director xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Facenda, Manuel Galdo.

Ademais, explicou que se pretende que, en momentos de elevada complexidade e inestabilidade financeira, a situación de Galicia, das mellores das comunidades autónomas, poida ser perfectamente coñecida e analizada polos investidores, diferenciándose de maneira positiva en termos de solvencia, prudencia e austeridade.

De feito, neste momento a Comunidade galega ten o maior rating -o mesmo que o Estado- que lle poden outorgar as axencias de cualificación Moody´s e Standard & Poors, situándose como a mellor considerada entre as autonomías de réxime común.

O portal, que estará asociado a páxina web institucional a través dun link, aglutinará datos madroeconómicos, financeiros, orzamentarios e institucionais, como un instrumento concebido para a información e consulta especializada.

O director xeral de Política Financeira e Tesouro tamén confirmou que o Portal do Investidor estará dispoñible en galego, castelán e inglés.