A Xunta de Galicia instala un novo equipo emisor de TDT en Camelle que dará servizo a máis de mil habitantes e no que se investiron uns 60.000 euros
Recoméndase aos veciños que reorienten as antenas e sintonicen de novo os seus receptores para poder captar as canles de TV, que serán ampliadas nos próximos días
A Xunta de Galicia ven de poñer en servizo o novo centro emisor de TDT de Camelle, no municipio coruñés de Camariñas, atendendo así as queixas dos veciños da zona polo mal funcionamento do repetidor instalado no seu día polo Concello.
O novo centro emisor, que desde este mediodía da servizo a máis de 1.000 habitantes, está instalado na parte leste da enseada de Camariñas. A infraestrutura consta dunha caseta, construída polo Concello e unha torre metálica de 18 metros que soporta as antenas de TDT, e que foi instalada pola Secretaría Xeral de Medios. Completan o centro emisor os equipos de transmisión da televisión dixital terrestre, que supuxeron o investimento de 60.000 financiados a partes iguais polo Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia.
Nos próximos días, incrementarase a oferta televisiva en Camelle coa recepción das canles de TVE en HD.
Recoméndaselle aos veciños desta localidade que orienten as súas antenas de televisión e que volvan a sintonizar de novo os seus receptores de TDT.