A Xunta de Galicia implantará este ano un sistema de licitación electrónica para as deputacións e as entidades locais
O servizo comezará a implantarse de xeito progresivo no último trimestre do ano cun alcance inicial de 100 concellos.
Facilitará a tramitación ás pemes e permitirá reducir as cargas administrativas derivadas dos procesos de licitación.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local, porá en marcha este ano un sistema de licitación pública electrónica para as deputacións e as entidades locais.
O novo servizo comezará a implantarse no último trimestre do ano cun alcance inicial de 100 concellos. O principal obxectivo é optimizar os procesos de contratación, aumentar a transparencia da contratación pública, facilitar o acceso das pemes á contratación pública, e realizar un permanente control e monitoraxe do gasto público.
Un servizo de valor engadido e máis facilidades para as empresas locais
A plataforma será unha “guía” para todas aquelas empresas que atopan dificultades na presentación de ofertas nos procesos de compra pública. A plataforma guiará aos licitadores na presentación de ofertas e habilitarase un número de atención telefónico permanentemente para solucionar calquera dúbida que puidese xurdir durante o proceso.
A Amtega vén de adxudicar este servizo a empresa VORTAL que será a encargada de habilitar o sistema en colaboración coa empresa Tecnocom. A plataforma escollida para prover este servizo non require de investimentos en desenvolvemento ou en mantemento xa que se ofrece baixo a modalidade Software como servizo. Esta solución é idónea pola súa escalabilidade, custo e tempo de implantación; ademais de ser o modelo de contratación pública electrónica máis utilizado a nivel Europeo e concretamente en España, o que o converte nunha aposta segura e confiable.
A Administración Pública galega adiántase á obrigatoriedade imposta pola UE
Coa posta en marcha deste servizo a Xunta facilita a adaptación das entidades públicas galegas ás novas Directivas Europeas de Contratación, xa aprobadas, que impoñerán a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos nos procesos de contratación pública nos próximos anos.
O Parlamento europeo estableceu dous anos como data límite para a transposición á lexislación de cada país. Chegada esta data, todas as entidades contratantes dos países da Unión terán a obrigación de utilizar medios electrónicos para anunciar os procesos de contratación, recibir as ofertas das empresas licitadoras ou realizar as notificacións propias de calquera concurso público.
Estudos documentados pola Comisión Europea, o emprego de medios electrónicos nos procesos de contratación pública reduce o custo de contratación entre un 5% e un 20%, dependendo dos casos.
Plan eConcellos
Esta medida súmase ás que vén desenvolvendo a Xunta para impulsar a Administración electrónica nas entidades locais grazas ao Plan eConcellos, que se iniciou en 2010 e ao que están adheridos o 100% dos municipios galegos. Entre outras medidas o Plan conseguiu que máis do 68% dos trámites entre Xunta e concellos sexan electrónicos fronte ao 0% de 2009.