A Xunta de Galicia garante que todo o alumnado en risco de exclusión dixital dispoña dun ordenador e conexión a internet

Mércores 30 de Marzo de 2022

A Xunta de Galicia garante que todo o alumnado en risco de exclusión dixital dispoña dun ordenador e conexión a internet

• O Goberno Autonómico estende o protocolo “Fenda Dixital”, que se activou con motivo da pandemia
• As actuacións para reducir a fenda dixital na educación permiten atender todas as demandas de equipos comunicadas por todos os centros de Galicia
• “Educa en Dixital” puxo a disposición do alumnado en risco de exclusión dixital máis de 14.500 ordenadores e kits de conexión, que se sumaron aos 3.500 equipos entregados pola Xunta dende o comezo da pandemia
• O Goberno galego proporcionará tamén ordenadores con conexión a internet ás persoas refuxiadas de Ucrania acollidas en centros educativos de Galicia

A Xunta de Galicia manterá as actuacións que se puxeron en marcha con motivo da pandemia no protocolo “Fenda Dixital” para garantir que todo o alumnado en risco de exclusión poida dispoñer dun ordenador e unha conexión a internet.

A Xunta atendeu as necesidades urxentes dende os momentos iniciais da pandemia con 3.500 portátiles e kits de conexión que se repartiron xa en 2020. Posteriormente, o Goberno de Galicia puxo a disposición dos centros outros 14.500 ordenadores cun kit de conexión de seis meses correspondentes ao programa “Educa en Dixital”, proporcionados por Red.es nunha actuación co-financiada polo Goberno e as Administracións autonómicas.

Galicia foi das primeiras Comunidades en asinar o convenio con Red.es, e polo tanto, de adherirse á iniciativa estatal para dar resposta as necesidades das familias mais vulnerable. A Xunta entregou os equipos aos centros a medida que os foi recibindo por parte de Red.es, entidade autónoma adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que foi a encargada de compralos e distribuílos en todo o Estado.

Unha vez que as conexións proporcionadas por Red.es caducaran recentemente, ao ter pasado os seis meses dende a súa activación, a Xunta garante aos centros que poderán seguir proporcionado a todo o alumnado que o precise os equipos necesarios.

O Goberno galego dispón dos ordenadores e kits de conexión necesarios para atender todas as demandas dos centros educativos para o alumnado en risco de exclusión así como para os nenos e nenas que se encontran en situación de acollida en Galicia pola guerra de Ucrania.