A Xunta de Galicia facilitou a constitución telemática de máis de 900 novas empresas a través do Igape

Sábado 28 de Agosto de 2010

A Xunta de Galicia facilitou a constitución telemática de máis de 900 novas empresas a través do Igape

Máis do 17% das SLNE constituídas de xeito telemático en España pertencen a Galicia, Comunidade só superada por Madrid, onde se implantou antes o sistema

Galicia é a Comunidade onde a constitucións de SLNE é máis áxil, ao requirir só 1,38 días de media, fronte a un promedio que é de 3,6 días no conxunto de España

Dende a posta en marcha da súa rede composta por 7 Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Industria, facilitou a tramitación para a constitución de 900 novas sociedades mediante o sistema telemático que incorpora a figura xurídica Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE), especialmente orientada aos impulsores de novas iniciativas empresariais e que en Galicia está a ser moi requirida desde o comezo. O sistema de tramitación telemática xa está estendido tamén ás sociedades de responsabilidade limitada (SRL).

Este sistema baseado nas novas tecnoloxías axiliza o proceso de constitución de novas empresas e evita moitos trámites burocráticos aos emprendedores; así, desde o momento en que os promotores acoden ao notario (única xestión presencial xunto coa realizada no PAIT do Igape) ata quedaren constituídas as súas empresas pasan por termo medio só 1,38 días hábiles, no caso das empresas constituídas como SLNE; a media no conxunto das comunidades do Estado onde está implantado o sistema é de 3,6 días. Galicia é a segunda comunidade autónoma por número de empresas creadas por esta vía, só por detrás da de Madrid, onde se puxo en marcha antes. Son galegas máis do 17% das SLNE constituídas por vía telemática en España.

Achegar aos novos empresarios a información detallada sobre as posibilidades e beneficios que aporta a SLNE para os emprendedores e, ao mesmo tempo, facilitar a constitución de novas empresas abeiradas a esta fórmula xurídica, son os obxectivos dos Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT) abertos para Galicia polo Igape. Os PAIT dispoñibles nas oficinas que ten o Instituto nas diferentes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo) permiten ós emprendedores que impulsen proxectos empresariais de pequena dimensión crear as súas empresas de maneira áxil, con apoio e asesoramento directos e con plenas garantías xurídicas.

Desde que se ampliou a tramitación telemática para facilitar igualmente a constitución de forma áxil das Sociedades de responsabilidade limitada convencionais (SRL), os PAIT do Igape sumáronse á iniciativa. A constitución de SRL por este sistema baseado nas TIC require en Galicia, por termo medio, un prazo de 7,84 días, fronte a unha media que para o conxunto de España é de 11,7 días.

Os PAIT do Igape informan, orientan e prestan servizos ós emprendedores tanto na definición e tramitación administrativa das súas iniciativas empresariais como sobre as distintas axudas públicas ás que poida acollerse o proxecto. A través do espazo sobre SLNE da web do Igape, os emprendedores poden atopar información detallada sobre os pasos a seguir para a creación dunha empresa por esta vía, así como acceder a todas as ferramentas interactivas que están ó seu dispor, con enlaces a webs do Ministerio de Industria, da Axencia Tributaria ou da Seguridade Social.