A Xunta de Galicia estrea canle en Youtube

Sábado 05 de Marzo de 2011

A Xunta de Galicia estrea canle en Youtube

Nestes momentos o espazo http://www.youtube.com/xuntadegalicia ten dispoñible unha vintena de vídeos divulgativos da Administración autonómica

As persoas que o desexen poden subscribirse na propia canle para recibir notificacións sobre os novos vídeos que se vaian incorporando

O portal da Administración autonómica www.xunta.es inclúe desde esta semana un acceso ahttp://www.youtube.com/xuntadegalicia, a canle oficinal da Xunta de Galicia en YouTube. Esta ligazón súmase así as das outras canles que a Administración galega xa ten dispoñibles nas redes sociais Facebook, Twitter e Flickr.

Ademais de funcionar como o espazo de referencia para a publicación dos vídeos corporativos da Xunta en internet, esta canle quere converterse tamén no punto de encontro de todas as iniciativas que a Administración galega ten dispoñibles na mesma plataforma. Este é o caso das canles YouTube da Consellería de Cultura e Turismo, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, de Xacobeo 2010, do Instituto Galego de Seguridade e Saúde laboral ou da Casa de Galicia en Madrid, que xuntas suman un arquivo de máis de 300 vídeos.

Contidos
Nestes momentos a canle ten dispoñible unha vintena de vídeos divulgativos sobre temáticas moi diversas. Campañas como Leite Galego 100x100, sobre o Plan de Ordenación do Litoral, o Plan Estratéxico 2010-2014-2020, ou sobre o servizo 012, teléfono de Atención á Cidadanía, son algúns dos contidos dos vídeos que se incorporaron á plataforma.

Xunto a eles, figuran outros relacionados co turismo (Pensando en volver a ti, Galicia, coñécela? ou Galicia, gárdasme o segredo? –en galego e castelán-), coa cultura (Cidade da Cultura de Galicia –en galego, castelán e inglés- e 2010. O ano do libro e da lectura), a saúde pública (Libre de alcol, libre de preocupacións e Sanidade Pública de Galicia), a innovación e modernización tecnolóxica (Agora Galicia conecta contigo, Plan de Banda Larga e Axenda Dixital de Galicia - 2014.gal) ou que convidan a investir na Comunidade (Agora Galicia máis competitiva e Investir en Galicia).

Os contidos actuais de http://www.youtube.com/xuntadegalicia incrementaranse de forma periódica coa inclusión de novos vídeos institucionais de carácter divulgativo ou relacionados cos servizos que a administración pon a disposición da cidadanía. As persoas que o desexen poden subscribirse na propia canle para recibir notificacións sobre os novos vídeos que se vaian incorporando.

Coa incorporación a rede sociais a Administración autonómica busca aproximarse ao concepto de Open Government, unha Administración na que priman as relacións cos cidadáns e o contacto directo con eles, máis transparente, participativa e colaborativa.

YouTube
YouTube, que deu os seus primeiros pasos en 2005, é a plataforma máis popular para o intercambio e a visualización de vídeos na rede. Segundo os datos da súa páxina oficial, en 2010 superou a cifra dos 2.000 millóns de reproducións diarias.