A Xunta de Galicia e o Goberno de Panamá colaboran intercambiando experiencias e compartindo información sobre as súas iniciativas tecnolóxicas

Sábado 08 de Decembro de 2012

A Xunta de Galicia e o Goberno de Panamá colaboran intercambiando experiencias e compartindo información sobre as súas iniciativas tecnolóxicas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a Autoridade Nacional para a Innovación Gubernamental panameña asinaron un protocolo para impulsar a cooperación no eido da administración electrónica, das políticas de seguridade e do impulso de intercambios comerciais do sector TIC

O Goberno panameño ten un investimento previsto en TI de 500 millóns de dólares no período 2009-2014

A súa situación xeográfica estratéxica, xunto coas facilidades para o comercio transfronteirizo e o seu crecemento económico fan deste país un destino prioritario para a internacionalización das empresas españolas

A Xunta de Galicia e o Goberno de Panamá colaborarán no eido das tecnoloxías da información e da comunicación intercambiando  experiencias e compartindo información sobre as iniciativas que ambas administracións están a desenvolver neste eido.

Así se recolle nun protocolo asinado entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o administrador xeral da Autoridade Nacional para a Innovación Gubernamental da República de Panamá, o enxeñeiro Eduardo E. Jaén.

O acordo establece diferentes liñas de colaboración entre ambas administracións para contribuír ao impulso das TIC en diferentes ámbitos. Establécese a compartición de información sobre técnicas de costo por resultado e sobre novas solucións para a aplicación das TIC.

Contemplase unha colaboración específica en materia de administración electrónica compartindo información sobre sistemas, servizos e tendencias deste eido. O acordo contempla ademais o intercambio de persoal para mellorar a capacidade dos recursos humanos de ambas administracións mediante a celebración de talleres e seminarios así como a elaboración de estudos conxuntos en áreas de interese mutuo.

A AMTEGA e a Autoridade Nacional para a Innovación Gubernamental cooperarán tamén no deseño de políticas de seguridade para afrontar temas como a piratería informática ou a privacidade. Ademais se estudará como achegar información á cidadanía sobre estes temas para xerar un clima de confianza en trono a o uso das TIC, especialmente entre os máis afectados pola fenda dixital.

Destino prioritario para a internacionalización das empresas españolas

Por outra banda, ambas administracións colaborarán no impulso de  intercambios comerciais no eido das tecnoloxías da información e a comunicación. Panamá é un dos países de referencia en Latinoamérica para a internacionalización das empresas españolas, e en concreto do sector tecnolóxico. O Goberno panameño a través da Autoridade Nacional para a Innovación Gubernamental (AIG), está a desenvolver un ambicioso proxecto tecnolóxico con máis de 140 iniciativas para modernizar a xestión publica, mellorar a eficiencia e competitividade do país e ofrecer uns mellores servizos aos cidadáns.

O investimento en TI do Goberno panameño ascende a 500 millóns de dólares no período 2009-2014 e actualmente ocupa o posto número 1 do Índice Anual de Tecnoloxía de América Latina, un indicador que mide a penetración de Internet, internet de banda ancha, ordenadores persoais e usuarios de telefonía fixa e móbil dos 19 países de América Latina.

Ademais, Panamá presenta outras vantaxes para as empresas interesadas en establecer intercambios comerciais co país como unha situación xeográfica estratéxica, o segundo centro loxístico máis importante do mundo con máis de 3.000 empresas, un comercio exterior aberto con facilidades para o comercio transfronteirizo e a ausencia de restricións para o movemento de capitais e investimento directo. En 2011 o PIB de Panamá creceu un 7,5% superando a media de Latinoamérica (6,1%) e do mundo (5,1%).