A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra colaboran na extensión da banda larga na provincia
A Deputación de Pontevedra estenderá redes sen fíos das que se beneficiará o 96% da poboación de 55 concellos ao longo do presente ano
O Goberno galego investirá máis de 47 millóns de euros para proporcionar o acceso á banda larga a máis do 96% dos habitantes de toda a provincia a través de redes fixas, sen fíos e NGA´s e mediante satélite o 3% restante
Actualmente, o 21,7% dos habitantes da provincia non dispoñen de acceso a unha rede de calidade
A iniciativa do Goberno galego permitirá que xa no primeiro trimestre do 2011 a poboación con cobertura sexa do 87% do total
As entidades municipais poden consultar na Oficina eConcellos da Xunta calquera cuestión relativa ao plan e asesorarse sobre novas tecnoloxías
A Xunta de Galicia, a través do Plan de Banda Larga 2010-2013 e a Deputación de Pontevedra mediante o proxecto Repoblar posibilitarán que os habitantes da provincia de Pontevedra teñan acceso á Internet de calidade. Así llo trasladaron hoxe aos alcaldes da provincia a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán durante a presentación destas iniciativas. Un acto que contou coa presenza dos delegados provinciais de Pontevedra e Vigo, José Manuel Cores e Lucía Molares.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica investirá, a través do Plan de Banda Larga, 47,4 millóns de euros para que no 2013 un 96,95% dos habitantes da provincia de Pontevedra teñan acceso á Internet a través de redes fixas, sen fíos e de nova xeración e 3,05% restante mediante satélite. A día de hoxe un 21,7% dos habitantes da provincia non dispón de conexión á Internet de calidade. O desenvolvemento do Plan permitirá que xa no primeiro trimestre do 2011 a porcentaxe de poboación con cobertura de banda larga sexa do 87%. A actuación da Deputación de Pontevedra, a través de Repoblar posibilitará que un 96% da poboación de 55 concellos da provincia accedan a Internet a través de redes sen fíos ao longo deste ano.
Na súa intervención a secretaria xeral de Modernización fixo fincapé na importancia de manter a colaboración entre todos os axentes implicados nesta iniciativa de marcado carácter transversal. A responsable do departamento autonómico indicou que estamos nun momento de “sumar esforzos” o que, neste caso concreto, inclúe todas as consellerías da Xunta, concellos, deputacións e operadores de telecomunicacións.
Actuacións do Plan
O Plan de Banda Larga contempla o despregamento de redes fixas que permitirán garantir a dispoñibilidade e o acceso a banda larga nos núcleos con maior demanda desatendida nas zonas carentes deste servizo a través de redes de alta capacidade. Na provincia da Pontevedra o 80% da poboación contará con acceso a redes cableadas de banda larga no 2013.
Ademais, incentivarase o desenvolvemento de Redes de Nova Xeración (NGA´s), con velocidades de 100 Mbps que chegarán ao 40% da poboación desta provincia. A cobertura completarase a toda poboación a través do satélite. O denominador común destas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade, con velocidades de acceso superiores a 2Mbps, chegando a 100Mbps no caso de redes de nova xeración.
O plan prevé tamén un investimento de 7 millóns de euros para potenciar o despregamento da rede do operador público Retegal que servirá de base para a execución do proxecto Repoblar da Deputación de Pontevedra.
Repoblar
Outra das actuacións previstas é a extensión de redes sen fíos a todos os núcleos de máis de 100 habitantes e todos os de menor tamaño con alta demanda de servizo que non se cubran coas actuacións anteriores. No desenvolvemento desta medida conflúen as actuacións de ambas administracións. Por un lado, a Deputación de Pontevedra, a través do Proxecto Repoblar achegará internet a través de redes sen fíos ao 96% da poboación de 55 dos 62 concellos da provincia. A Administración provincial investirá 5,1 millóns de euros neste despregamento. Por outra banda, o Plan de Banda Larga permitirá incrementar a cobertura da poboación total da provincia con este tipo de redes nun 8%.
Proxectos Municipais
Actualmente, moitos concellos galegos están levando a cabo proxectos de implantación de redes municipais de banda larga para tratar de solventar as necesidades de conexión a Internet dos seus veciños. Neste sentido, a secretaria xeral advertiu que a Comisión do Mercado das Telcomunicacións (CMT) vén de aprobar o anteproxecto de circular no que se establecen as condicións que deberán cumprir as Administracións públicas cando estas exploten redes ou presten servizos de comunicacións electrónicas. O establecido no anteproxecto de circular, tras a súa aprobación final, pasará a ser de obrigado cumprimento para calquera Administración Pública que explote redes ou preste servizos de comunicacións electrónicas.
Para acceder a máis información sobre esta cuestión Mar Pereira lembroulles aos responsables municipais teñen á súa disposición a Oficina eConcellos, á que tamén poden acudir para calquera aclaración ou consulta sobre as previsións locais do Plan de Banda Larga. Ademais, este servizo está a poñer en marcha unha iniciativa para analizar os proxectos municipais de despregamento de BL co obxectivo de maximizar os resultados dos proxectos locais, e potenciar a coordinación evitando duplicar esforzos e investimentos.
Reverter a situación actual
O despregamento das infraestruturas de telecomunicación permitirá cambiar a situación actual da Comunidade na que -segundo recordou a secretaria xeral- un total 786.000 galegos (o 30% da poboación total), preto de 35.000 empresas (16%) e 589 entidades de poboación con algunha entidade administrativa non teñen posibilidade de acceso á banda larga.
O obxectivo do Plan é reverter a desigualdade social que vive a Comunidade en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións, e contribuír ao aproveitamento das TIC como motor para a dinamización e a competitividade empresarial, así como a modernización dos servizos públicos. Será un despregamento de infraestruturas baseado na eficiencia e na cooperación de todos os axentes implicados, o que permitirá que a dotación orzamentaria de 102 millóns de euros da Xunta de Galicia poida superar os 230 millóns mobilizando capital privado e doutras administracións.