A Xunta de Galicia convoca dous monográficos de inglés audiovisual en colaboración coa Fundación TIC
O prazo de preinscrición abrirase o vindeiro luns día 5 e abarcará ata o 19 de decembro. Conlevará unha proba oral de nivel do idioma para a selección do alumnado a través dunha entrevista persoal. A iniciativa xorde dun convenio asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación TIC da Deputación de Lugo
A Consellería de Cultura e Turismo, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación TIC da Deputación de Lugo convocan dous monográficos de inglés audiovisual que terán lugar nas Escolas Oficiais de Idiomas de Santiago de Compostela e Lugo a partir do 24 e 26 de xaneiro, respectivamente.
Os cursos, que este ano terán unha duración de 50 horas lectivas, serán impartidos polo profesorado destas escolas oficiais e celebraranse de xeito simultáneo nas EOI de Lugo e Santiago de Compostela a partir dos días 26 e 24 de xaneiro, respectivamente, mediante dúas xornadas á semana, en horario de tarde, para posibilitar a compatibilidade horaria co traballo dos profesionais.
Os monográficos están dirixidos principalmente aos profesionais do sector audiovisual, así como a estudantes, preferiblemente cun nivel lingüístico Intermedio e Intermedio-alto dunha escola oficial de idiomas, que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais. Así, nas pasadas edicións contouse entre o alumnado con distintos perfís profesionais desta industria, como actores, directores, guionistas, técnicos, produtores, axentes de vendas internacionais, xornalistas, deseñadores gráficos ou axentes culturais.
Ademais, ofertaranse unha serie de actividades extra académicas relacionadas cos contidos do curso como visitas a rodaxes ou gravación de programas, organización de master classes ou proxeccións de películas en versión orixinal.
Obxectivos
O obxectivo é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.
Estas actividades xorden da necesidade de especialización dos profesionais, que teñen que atender á demanda dun mercado audiovisual de marcado carácter transnacional e de contar coa presenza das empresas e produtoras galegas nos foros internacionais máis prestixiosos.
O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación TIC subvencionarán en concepto de bolsa de formación o 50% do custo das taxas de matrícula por monográfico.
O prazo de preinscrición abrirase o vindeiro luns día 5 e abarcará ata o 19 de decembro e conlevará unha proba oral de nivel do idioma para a selección do alumnado a través dunha entrevista persoal. As listaxes de convocatorias para estas probas publicaranse a partir do 21 de decembro e as entrevistas terán lugar nas instalacións da EOI de Lugo e no Consorcio Audiovisual de Galicia.