A Xunta dá a coñecer o seu Programa de Voluntariado Dixital en Castela e León

Venres 05 de Decembro de 2014

A Xunta dá a coñecer o seu Programa de Voluntariado Dixital en Castela e León

A través da experiencia dun dos 400 voluntarios dixitais adheridos ao programa, impulsado pola Amtega e a Consellería de Traballo.

Promoveu a iniciativa “Santa Comba na Memoria” unha web, elaborada coas achegas de veciños e empresas, con máis de 5.000 fotografías que percorren a historia do século XX do concello.

Máis de 3.800 persoas formáronse en case tres anos de actividade de voluntarios e mecenas dixitais do programa de Voluntariado Dixital.

O programa de Voluntariado Dixital da Xunta, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, celebra o 5 de decembro o Día Internacional dos Voluntarios, compartindo experiencias co Programa de Voluntariado Tecnolóxico da Junta de Castilla y León, no marco dunha xornada online de voluntariado tecnolóxico que se celebra hoxe.

A través da experiencia dun dos 400 voluntarios dixitais adheridos ao Programa, a Administración galega dará a coñecer esta iniciativa da que xa se beneficiaron máis de 3.800 persoas en Galicia

“Santa Comba na Memoria”
José Luís Varela, administrador de sistemas informáticos é un dos voluntarios do Programa que compartirá a súa experiencia en actividades de alfabetización dixital para persoas maiores na Asociación Sociocultural Os Tilos e a través do proxecto “Santa Comba na Memoria”.

“Santa Comba na Memoria” é unha web para o recordo e un repaso á historia do século XX do concello, accesible na dirección http://www.santacombanamemoria.es, que naceu co obxectivo de manterse viva nutríndose coas achegas dos veciños e empresas do municipio.

A través de máis de 5.000 fotografías “Santa Comba na Memoria” abre unha xanela ao pasado de Santa Comba desde o ano 1900 e reúne nun mesmo espazo os retrincos de historia gardados en papel durante un século nos fogares dos veciños.

Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia
O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2012 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que conta xa con máis de 400 persoas voluntarias e formáronse máis de 3.800 persoas a través dos apoios dixitais que se prestan. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe de poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.

Este último trimestre leváronse a cabo 8 apoios dixitais grazas á participación de 6 voluntarios e, ata o momento son xa 70 as Entidades de Acción Voluntaria que colaboran co Programa de Voluntariado Dixital para promover accións de alfabetización dixital que faciliten a e-inclusión da nosa sociedade e diminúan a fenda dixital.

Programa voluntariado tecnolóxico de Castela e León
CyL Dixital, é un programa integrado no proxecto global de Telecomunicacións e Sociedade Dixital do Coñecemento desenvolvido pola Junta de Castilla y León, cuxo obxectivo é informar e sensibilizar á sociedade sobre as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información a través dunha serie de programas desenvolvidos no marco da Axenda Dixital para Castela e León.

Día Internacional dos Voluntarios
No Día Internacional dos Voluntarios (DIV) 2014, ademais de celebrar o voluntariado en todas as súas vertentes, réndese especial tributo á participación das persoas que contribúen ao cambio a nivel local, nacional e global, poñendo especial atención á contribución dos voluntarios que involucran ás persoas desde a base no proceso de toma de decisións, para finalmente crear un espazo de participación, que leva a gobernos máis fortes, á cohesión social, á paz e ao desenvolvemento sustentable.