A Xunta creará un rexistro electrónico de plans de emerxencia para mellorar as actuacións ante as incidencias
Galicia será a segunda comunidade en contar con esta ferramenta, unha auténtica base de datos sobre o contido dos plans de autoprotección
Contará con información actualizada á que poderán acceder todos os axentes que interveñen no caso de accidentes e optimizar a súa actuación en caso de sinistro
A Xunta de Galicia vai poñer en marcha un rexistro galego de plans de emerxencia, que facilitará que todos os axentes que interveñen nos accidentes teñan acceso á información actualizada sobre os plans de autoprotección, o que permitirá optimizar a súa actuación en caso de sinistro nos establecementos que deben contar con estes plans.
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión da Comisión Galega de Protección Civil onde se lle deu o visto bo á orde pola que se establece o rexistro, que vén a desenvolver o Decreto 171/2010 sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia.
O plan de autoprotección é un documento que establece o marco orgánico e funcionar previsto para un centro, establecemento, instalación ou dependencia, co obxectivo de previr e controlar os riscos sobre persoas e bens e dar resposta axeitada a posibles situacións de emerxencias, na zona responsabilidade do titular e garantindo a integración das actuacións co sistema público de Protección Civil.
A autoprotección é fundamental na xestión das emerxencias, xa que se as propias organizacións están preparadas para afrontar calquera incidente que se poida producir nas mesmas, minimizaranse os danos, porque os tempos de resposta son menores desde dentro da propia organización e teñen un mellor coñecemento das instalacións.
Galicia vai ser a segunda comunidade española -despois de Cataluña-, en contar cun rexistro deste tipo, no que será obrigatoria a inscrición para todas as actividades, centros e instalacións que se determinan no catálogo de actividades recollido no Decreto 171/2010, aínda que o resto de centros e instalacións tamén poderán inscribirse de xeito voluntario.
Vantaxes do rexistro
A través do rexistro, garantirase que a información dos plans estea actualizada, xa que terá un sistema de control da operatividade dos plans, recollendo si se fai formación, exercicios ou simulacros. O rexistro tamén permitirá reducir o uso do papel ao evitar copias de documentos aos organismos que deben coñecer estes plans.
Ademais, a posta en marcha da iniciativa axilizará toda a tramitación administrativa, xa que para conceder unha licenza de actividade é un requisito que os plans de autoprotección estean rexistrados na Consellería de Presidencia, e grazas ao rexistro calquera concello poderá comprobar de xeito telemático se a instalación conta con plan de autoprotección e acceder ao seu contido.
Plans de emerxencia
Por outra banda, a Comisión Galega de Protección Civil tamén deu o seu informe favorable na reunión de hoxe ao plan de emerxencia da presa de Cecebre, que abastece de auga potable á area da cidade da Coruña e que se atopa no Concello de Cambre. Ten unha capacidade de 27,6 hectómetros cúbicos e ocupa unha superficie de 361 hectáreas. O plan que se presenta determina as estratexias de intervención en casos que poidan implicar riscos de rotura ou avaría grave, determina a organización e medios axeitados e os sistemas de aviso.
Así mesmo, a Comisión outorgou o seu informe favorable ao plan de emerxencia municipal do Concello do Incio e homologou os plans de actuación municipal por rotura de presas do Concello de Vedra e do Concello de Silleda. Estes dous concellos presentaron o seus plans de actuación municipal xa que ambos estarían afectados nas dúas primeiras horas en caso de hipotética rotura da presa de Touro e das presas de Brandariz e Portodemouros.