A Xunta convoca axudas aos proxectos dinamizadores das áreas rurais promovidos por microempresas para o uso das TIC
Estas subvencións están destinadas á implantación de equipamento físico (hardware) e de aplicacións informáticas (software) e poden chegar ata un máximo de 30.000 euros por beneficiario
Medio Rural e Mar persegue con estas axudas –dotadas nesta convocatoria con 546.000 euros– que as microempresas aproveiten as Tecnoloxías da Información e teñan un acceso a internet de calidade
A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 546.000 euros aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) para o periodo 2013.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e que son xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Esta axencia é o instrumento básico de actuación da Xunta no medio rural, á que lle corresponden as funcións de fomento e coordinación do desenvolvemento do rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar no posible o despoboamento deste territorio.
Estas axudas están destinadas á implantación de equipamento físico (hardware) e aplicacións informáticas (software), para que as microempresas aproveiten as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) xunto co acceso a internet de calidade, no seu proceso de negocio. Estas subvencións enmárcanse no convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural e Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para coordinar as actuacións no ámbito do Plan de Banda Larga de Galicia.
As axudas poden chegar ata un máximo do 50% dos investimentos subvencionables –unha condición prevista no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013– e ata un tope de 30.000 euros de subvención por beneficiario, sendo 4.000 euros o investimento mínimo esixido.
Poderán solicitar estas axudas as microempresas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, legalmente constituídas, con domicilio e alta fiscal para a súa actividade económica en Galicia e radicadas no rural galego (todo o territorio da Comunidade Autónoma, agás as zonas incluídas nos perímetros urbanos das sete grandes cidades).