A Xunta contratará este mesmo ano as aplicacións informáticas do sistema de axuda á explotación que garantirá unha mellora dos servizos de transporte público de viaxeiros

Sábado 09 de Abril de 2011

A Xunta contratará este mesmo ano as aplicacións informáticas do sistema de axuda á explotación que garantirá unha mellora dos servizos de transporte público de viaxeiros

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinala que grazas a este sistema, que se implementarán ao longo de 2012, permitirá ás empresas dispoñer dunha tecnoloxía punta que se traducirán no aforro de combustible, na optimización de rutas e unha xestión máis eficiente dos seus vehículos

Sinala que grazas a posta en marcha deste sistema de explotación (SAE), por primeira vez, os usuarios do transporte público obterán mellor información, dun xeito mais accesible e inmediato, dos servizos dos que dispoñen

Destaca que a implantación deste sistema require un importante investimento en marquesiñas, postes e áreas de parada de autobuses

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou esta mañá que a Xunta de Galicia iniciará os trámites para contratar este mesmo ano as aplicacións informáticas necesarias para a implantación do sistema de axuda á explotación do transporte público de viaxeiros. A previsión da Administración galega é que ao longo do ano 2012 comece a implantación deste sistema, que garantirá unha mellora dos servizos de transporte, tanto para as empresas como para os cidadáns.

Así o confirmou esta mañá o conselleiro Hernández na súa intervención na inauguración da xornada A implantación do sistema de axuda é explotación (SAE) no transporte público interurbano de viaxeiros de Galicia, que se desenvolve hoxe na EGAP.

Sinalou que a posta en marcha deste sistema de axuda á explotación permitirá, por primeira vez, que os usuarios do transporte público obteñan a mellor información, dun xeito mais accesible e inmediato, dos servizos de transporte dos que dispoñen. Asemade, as empresas disporán dunha tecnoloxía punta que lles permitirá aforrar combustible, optimizar rutas e, en xeral, efectuar unha máis eficiente xestión do conxunto dos seus vehículos.

Hernández destacou que a aposta da Xunta neste ámbito é moi forte, pois a implantación dun SAE requirirá un importante investimento en marquesiñas, postes e áreas de parada de autobuses, e nos sistemas de tecnoloxía que permitan levar a información do sistema ao conxunto do territorio.

Mostrou a súa satisfacción por que esta aposta é compartida tamén polas empresas, tal e como se puxo de manifesto no Plan de modernización, xa que constitúe o seu primeiro e principal compromiso de investimento.

Tamén resaltou a necesidade de facer unha reflexión e un estudo en profundidade para acertar nas decisións que nesta materia se adopten, de xeito que este investimento sirva para avanzar no obxectivo da modernización do transporte galego.

Demanda do sector

Agustín Hernández subliñou que ao pouco tempo de que o actual Goberno asumira as responsabilidades, o sector do do transporte público trasladou a necesidade de adoptar unha serie de actuacións que lle permitiran modernizarse e competir nun mercado cada vez máis complexo.

Os representantes das empresas de transporte público de viaxeiros manifestaron a necesidade de introducir medidas importantes de renovación de flota, de adaptación a persoas con mobilidade reducida, de mellora do servizo que dan aos seus clientes, que non son outros que os usuarios do transporte público.

O conselleiro de Medio Ambiente aclarou que a Xunta comparte esa sensibilidade e o coñecemento de valorar a información, como primeira e principal demanda dos usuarios e sí como o valor de calidade máis importante dun bo servizo.

Por último, engadiu que a Xunta xa avanzou un paso na busca de melloras para este sector como a prórroga das concesións e dos contratos de transporte escolar, posto que abriu a posibilidade de manter o esforzo necesario para mellorar e modernizarse na actual coxuntura económica.